Anxo M. Lorenzo salienta o impacto da figura de Pérez Lugín e da Casa da Troia na literatura e na novela estudantina

O secretario xeral de Cultura participou na inauguración da mostra ‘Lugín en Compostela. 150 anos do seu nacemento’ no Museo da Casa da Troia co que a Xunta de Galicia vén de renovar a súa colaboración anual

A exposición para homenaxear ao autor chega ao museo compostelán despois de pasar pola Cidade da Cultura no primeiro trimestre do ano
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Santiago na inauguración de Lugín en Compostela. 150 anos do seu nacemento, a mostra da Xunta de Galicia que conta coa colaboración da Asociación Cultural-Musical de Antigos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa da Troia para homenaxear ao autor da célebre novela La Casa de la Troya a través dun percorrido histórico sobre a pegada desta publicación e os vínculos do xornalista coa cidade de Santiago de Compostela.
Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, trátase dunha exposición “imprescindible para coñecer a sólida relación de Pérez Lugín con Galicia e poñer en valor a pegada que deixou a súa obra na literatura e na denominada novela estudantina”. Do mesmo xeito, engadiu que esta mostra que se poderá ver desde hoxe e ata o vindeiro 18 decembro chega ao Museo Casa da Troia despois de ser inaugurada na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, onde se puido contemplar no primeiro trimestre do ano.
Na mesma liña, Anxo M. Lorenzo felicitou aos responsables da Casa da Troia polo traballo que fan para preservar a memoria de Alejandro Pérez Lugín simbolizando a Compostela universitaria de finais do século XIX e comezos do XX. “Trátase dunha entidade fundamental para a cidade que conta co apoio da Xunta e que cada ano recibe miles de visitantes”, salientou antes de precisar que a Administración autonómica vén de reforzar a súa colaboración anual con esta dotación cultural co fin de colaborar no financiamento dos gastos de apertura.

Máis de 40 pezas

A exposición inaugurada hoxe inclúe máis de 40 pezas e exemplares únicos procedentes da Biblioteca de Galicia e organizadas en cinco eixos temáticos. O primeiro céntrase na cidade de Compostela en tempos da Casa da Troia, mentres que o segundo afonda no impacto da novela e do emprego da linguaxe expresiva na época. O terceiro dos eixos baséase nas versións teatrais e cinematográficas das publicacións e o cuarto nos libros que tratan sobre a Casa da Troia, entre eles a primeira edición de La Casa de la Troya, de 1915, cuxa portada fixo Castelao e que recibiu, en 1916, o premio Fastenrath da Real Academia Española. O último dos apartados leva o título de A Casa da Troia: un fenómeno editorial.