A Xunta organiza un curso de formación para a extinción de incendios no que participan 536 xefes de brigada e peóns condutores

A formación está enfocada ás manobras para o manexo de auga, retardantes, emprego de lume técnico e tácticas asociadas a un escenario múltiple que recolla tanto a interface forestal como a rural ou a urbana

Esta iniciativa pretende reforzar a formación dos xefes de brigada, oficiais e bombeiros condutores xusto antes da tempada de incendios
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

A Consellería do Medio Rural pon en marcha un curso intensivo de formación sobre manobras para o manexo de auga, retardantes, emprego de lume técnico e tácticas asociadas a un escenario múltiple que recolle tanto a interface forestal como a rural ou a urbana. Este curso, que se celebra no Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude, está dirixido a xefes de brigada, oficiais e bombeiros condutores de brigada co fin de reforzar a súa formación xusto antes da tempada de incendios.

Trátase así dunha formación intensiva que se ofrecerá ata o mes de xullo a distintos grupos reducidos de 60 a 80 traballadores, consolidando finalmente a preparación de 536 profesionais en total. Cada unha das xornadas estará encadrada en horario de mañá e tarde, de 9:30 a 13:30 e de 15:00 a 19:00 horas.

A sesión de mañá está enfocada ao manexo da auga, do lume técnico e a interface. Nela, os participantes subdividiranse en tres grupos para participar simultaneamente nos tres escenarios expostos. En cada un deles encontrarase un instrutor especialista que os guiará e supervisará en todo momento. Cada escenario terá unha duración dunha hora e cuarto e, ao seu remate, haberá unha rotación de grupos.

Do mesmo xeito, a sesión de tarde abordará o tema da xestión dunha emerxencia interface por medio da visualización de vídeos e imaxes de incendios deste tipo e o deseño de tácticas específicas. Posteriormente, tamén se levará a cabo un simulacro de incendio con escenarios múltiples, no que os traballadores poderán desenvolver as manobras e técnicas practicadas.

Este curso enmárcase no Plan de Formación 2021-2024 da Consellería para consolidar os coñecementos dos traballadores do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF). Así, o Plan busca potenciar esa formación coa finalidade última de reforzar a anticipación, a extinción e a investigación dos lumes forestais en todo o territorio.
 

Imaxes relacionadas