A conselleira de Política Social, Fabiola García, respondeu no pleno do Parlamento galego a unha interpelación sobre a atención á dependencia

Fabiola García salienta que o reforzo nos equipos de valoracións da provincia de Ourense aumentou un 70% o número de expedientes tramitados

O Goberno central deixou de achegar nos últimos 15 anos 1900 millóns de euros que lle corresponden pola Lei de dependencia

Este importe serviría para atender cinco veces a todas as persoas dependentes que hai na nosa comunidade

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou que o estudio piloto de reforzo dos equipos de valoración de dependencia da provincia de Ourense permitiu aumentar o número de expedientes tramitados un 70%.

Fabiola García destacou que o Goberno central deixou de achegar nos últimos 15 anos 1900 millóns de euros que lle corresponde pola Lei de dependencia. Con este achega podería atenderse cinco veces a todas as persoas dependentes que hai na nosa comunidade. Así e todo, grazas ao compromiso da Administración autonómica, Galicia é a cuarta comunidade coa mellor ratio de atención a persoas dependentes de toda España. O 94% das persoas con dependencia xa reciben algunha prestación ou servizo, o que a sitúa once puntos por riba da media nacional.

A conselleira puxo en valor, neste sentido, o futuro Plan de choque en dependencia, que procura unha atención rápida por parte das Administracións. Con esta iniciativa preténdese reducir á metade o número de páxinas do formulario da dependencia así como os tempos de espera, fusionar as solicitudes de grao e PIA, crear novos centros de valoración, poñer en marcha novas vías preferentes e simplificar a xustificación de axudas e levar a cabo unha campaña didáctica, entre outros aspectos.

Así mesmo, Fabiola García lembrou que a Xunta de Galicia leva meses esperando polos 20 millóns de euros adicionais anunciados polo Goberno de España que lle corresponden á comunidade polo nivel acordado. Subliñou que, case medio ano despois, “Galicia non recibiu nin o primeiro euro”.

Imaxes relacionadas