O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias visitou hoxe as instalacións, con sede en Lugo

A Xunta destaca que o laboratorio de sanidade e produción animal de Galicia aumentou máis dun 5% as súas determinacións en 2020 prestando apoio por mor da covid-19

José Balseiros puxo de relevo a colaboración co Servizo Galego de Saúde e coa Consellería de Sanidade para a detección do SARS-Cov-2 en mostras de pacientes humanos, así como a posta a punto das probas en animais, especialmente útil no caso dos visóns

O director xeral apuntou que o Lasapaga recibe unhas 750.000 mostras anuais das que se obteñen arredor de 1,3 millóns de determinacións cada ano

O número de mostras incrementouse nun 2% en 2020 con respecto ao ano anterior, mentres que as determinacións se elevaron nun 5,5%

Lugo, 22 de xuño de 2021

A Xunta destaca que o Laboratorio de sanidade e produción animal de Galicia (Lasapaga) aumentou máis dun 5% as súas determinacións en 2020, nun exercicio marcado polo apoio prestado ao Servizo Galego de Saúde e á Consellería de Sanidade por mor da covid-19. En concreto, o ano pasado incrementouse nun 2% o número de mostras recibidas con respecto ao ano anterior, ata chegar ás 759.708, mentres que as determinacións se elevaron ata as 1.317.380, un 5,5% máis que en 2019.
Estas cifras púxoas de relevo o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, que hoxe visitou o Lasapaga acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director do laboratorio, Manuel Leizán. Alí, destacou o importante papel que desempeñaron estas instalacións para a detección do SARS-Cov-2 en mostras de pacientes humanos, así como para a posta a punto das probas en animais, especialmente útil no caso dos visóns.
Así mesmo, no pasado exercicio, consolidouse a realización de rutina da PCR para diagnoses de tuberculose a partir de tecidos, que se aplica a todas as mostras de seguimento da provincia de Pontevedra, declarada oficialmente indemne de tuberculose bovina. Tamén se puxo a punto e realizouse de rutina a proba da aglutinación para a detección de Salmonella pullorum e gallinarum -necesaria para permitir o movemento a terceiros países de aves e ovos embrionados-, implantouse o ensaio Elisa para a diagnose de tuberculose e brucelose en xabaril e púxose a punto tanto a determinación cualitativa de restos de embalaxes e materias primas por microscopía en pensos, como a implantación da PCR para diagnose de Mycoplasma wenyonii e piroplasmas, que causan enfermidades de certa entidade en diversas especies, entre elas o gando bovino.
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias aludiu ao importante labor de investigación que desenvolve o Laboratorio de sanidade e produción animal de Galicia, realizando todo tipo de ensaios e estudos de investigación en relación coas políticas de produción animal e de sanidade da Xunta. Ao tempo, realizan tarefas de apoio directo aos gandeiros e correspóndelles o control dos laboratorios privados que traballan na materia, co obxectivo de contribuír á protección da saúde pública e ao desenvolvemento do sector agrogandeiro.
Cómpre apuntar que da sede central de Lugo dependen tamén os laboratorios de sanidade animal de Mabegondo, na Coruña, e de Salcedo, en Pontevedra. En total, nas súas instalacións recíbense unhas 750.000 mostras anuais, de 45 tipos de mostra distintos e 20 especies diferentes. Desas mostras obtéñense arredor de 1,3 millóns de determinacións, duns 200 ensaios distintos aproximadamente. Por ensaios, o máis numeroso é o Elisa de paratuberculose, cunhas 200.000 determinacións anuais.
Entre as actividades que realiza destacan o diagnóstico de mostras para a avaliación sanitaria da gandaría galega; análise de mostras de mel, augas, pensos ou materias primas; apoio aos programas sanitarios da Administración e das asociacións de gandeiros de Galicia e apoio técnico e científico á Administración, aos gandeiros e aos veterinarios no estudo de brotes de enfermidades ou estudos epidemiolóxicos das enfermidades animais en Galicia.
Os destinatarios do seu traballo son tanto a Administración autonómica como as agrupacións de defensa sanitaria, cooperativas agrarias, gandeiros particulares, veterinarios clínicos, empresas relacionadas co sector e forzas e corpos de seguridade -Policía autonómica e Seprona-.
Por último, cabe destacar que o Laboratorio de sanidade e produción animal de Galicia suma máis de 30 anos de servizo nos que se encargou, entre outras funcións, dos ensaios que permitiron a erradicación da brucelose, do control da encefalopatía esponxiforme bovina (EEB) e dos diagnósticos da lingua azul.

Imaxes relacionadas