A Xunta introduce apoios específicos ás produtoras audiovisuais no programa de financiamento para pemes

Os directores do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, reuníronse co Clúster Audiovisual Galego e coa Asociación Galega de Produtoras Independentes para avanzarlles as condicións especiais destas axudas para as empresas do sector

O Goberno galego ofrecerá a estas empresas bonificacións de ata 2 puntos nos xuros dos préstamos concedidos polas entidades financeiras a través da liña de avais para o acceso ao crédito

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

A Xunta activará unha serie de apoios específicos para as empresas do sector audiovisual galego no seu programa de financiamento para o acceso ao crédito das pemes, que convocará proximamente a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). O seu director, Fernando Guldrís, e o da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, reuníronse esta mañá cos presidentes do Clúster Audiovisual Galego (Clag), Jorge Algora, e da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Felipe Lage, para avanzarlles os detalles desta modalidade de axudas, que ten como obxectivo contribuír á recuperación da actividade no sector achegándolle liquidez para afrontar os seus novos proxectos.
En concreto, as produtoras audiovisuais poderán acceder a préstamos de ata 600.000 euros cunha bonificación dos xuros de ata 2 puntos, que poderán empregar para o adianto dos contratos de cesión de dereitos. As pemes poden acceder a este crédito grazas aos convenios que firma a Xunta coas entidades financeiras adheridas e as sociedades de garantía recíproca (SGR).
Ademais, como sector especialmente afectado pola crise provocada pola covid-19, as empresas do audiovisual tamén poderán beneficiarse dunha bonificación de xuros de ata 1,5 puntos para operacións de ata 1M€ destinadas ao financiamento de investimentos e circulante estrutural, e tamén para préstamos de ata 300.000 euros destinados ao pagamento de gastos correntes ou cancelación de débedas bancarias.

Axudas á dixitalización

Na reunión cos representantes do sector audiovisual, o director do Igape adiantoulles así mesmo a próxima convocatoria do programa Cheque Dixital. Son axudas á dixitalización para facer fronte á situación provocada pola covid-19 e que facilitarán a posta en marcha de proxectos que avancen na dixitalización dos procesos produtivos con apoios do 80%.
Estas iniciativas reforzan o programa de subvencións ao sector audiovisual que a Xunta xestiona cada ano a través do departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e que en 2021 se está a desenvolver a través de sete convocatorias: producións e coproducións audiovisuais, promoción do talento galego, desenvolvemento de proxectos, organización de festivais, asistencia a mercados e foros internacionais, e difusión en festivais e mostras nacionais e internacionais, así como a modalidade de nova creación para salas de exhibición cinematográfica.