A Xunta acomete a mellora viaria da Gouxa ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais cun investimento de 48.000€

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde de Dozón, Adolfo Campos, supervisan esta actuación, que permitiu renovar o firme de varias pistas deste lugar da parroquia de Bidueiros

O concello castrense recibiu case 160.000€ da Consellería do Medio Rural para acondicionamento de vías nos dous últimos anos

O departamento autonómico tamén vén de outorgarlle case 43.000€ máis para actuacións similares dentro do Plan Marco deste ano

Dozón, 22 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de acometer a mellora viaria do lugar da Gouxa, no Concello de Dozón, ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) cun investimento de 48.000 euros.
Por este motivo, o delegado territorial, Luis López, e o alcalde de Dozón, Adolfo Campos, supervisaron esta mañá esta actuación, que foi concedida o pasado mes de febreiro e que permitiu renovar de xeito integral a capa de rodadura de varias pistas desta aldea da parroquia de Bidueiros.
Esta obra enmárcase nos 17 proxectos financiados no marco deste programa da Consellería do Medio Rural e que foron realizados na provincia de Pontevedra ao longo deste exercicio cunha partida de 668.182 euros.
"O Concello de Dozón é un municipio eminentemente rural e cun fortísimo peso agrogandeiro, polo que precisa ter as vías, tanto para a mobilidade da veciñanza como para os traballos do campo, nas mellores condicións e por elo conta e seguirá contando co apoio e a colaboración da Xunta de Galicia", explicou o representante autonómico, que destacou a importancia deste proxecto, "xa que á necesidade para os veciños do lugar engádese que A Gouxa é un punto de referencia social da contorna ao acoller as famosas e concorridas feiras os días 11 e 23 de cada mes".
Deste xeito, a Consellería do Medio Rural vén de investir case 160.000 euros en mellora de camiños no Concello de Dozón nos dous últimos ano co Plan Marco e co Plan de Infraestruturas Rurais, que permitiron actuar en Pidre-Eirexa, Lama da Canda, Reboredo, accesos a varias parcelas agrogandeiras e esta derradeira na Gouxa.
Ademais, o delegado territorial anunciou que esta contía para pistas municipais do medio rural vaise incrementar outra vez este mesmo ano, xa que veñen de concederse 42.778 euros máis ao abeiro do Plan Marco a falla de que se resolvan outras convocatorias e ordes de axudas similares.

Imaxes relacionadas