A Xunta condonará total ou parcialmente a débeda do 80% das persoas que cobraron o IMV e a Risga á vez

Aqueles que teñan que facer fronte ao pago, contarán cun prazo 30 meses para devolver as contías

O Goberno galego comezará a tramitar a reforma da Lei de inclusión social o vindeiro trimestre para adaptala ao novo escenario
 

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe, nunha resposta no pleno do Parlamento galego, que a Xunta condonará total ou parcialmente a débeda do 80% das persoas que recibiron o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) de xeito simultáneo. Trátase daquelas persoas que teñen fillos ao seu cargo.

Fabiola García explicou que, como Galicia, son moitas as comunidades que coa aparición do Ingreso Mínimo Vital se atopan con duplicidades entre prestacións. Para que as persoas que cobraron ambas rendas poidan normalizar a súa situación o Goberno galego achega varias facilidades, como conceder un prazo de 30 meses para devolver as contías ou condonar a débeda.

A conselleira de Política Social recordou que a Xunta de Galicia advertiu en varias ocasións ao Goberno central que o deseño e a aprobación desta nova prestación non eran axeitadas. A Administración autonómica avisou, entre outros aspectos, da falta de capacidade da Seguridade Social para xestionala, o que provocaría grandes demoras na súa tramitación. E alertou, así mesmo, de que habería desaxustes entre o IMV e as rendas autonómicas que darían lugar a solapamentos e duplicidades.

Por iso, solicitouse ao Goberno central que tomase as medidas necesarias para evitalo e, incluso, se demandou o traspaso de competencias da prestación estatal, como se fixo no País Vasco ou Navarra, petición que, sen embargo, se lle denegou a Galicia. A pesar das advertencias, Fabiola García lamenta que “o tempo deunos a razón, pero sinceramente, ter ou non a razón é o que menos nos importa, o que nos preocupa é resolver esta situación provocada polas présas e a improvisación do Goberno central”.

Tres alternativas

Ante tal situación, a Xunta de Galicia barallou tres alternativas para resolver o desaxuste. A primeira foi unha reforma rápida da Lei de inclusión social, que non foi posible levar a cabo porque o Real Decreto-lei do Ingreso Mínimo Vital, tivo que ser modificado media ducia de veces e aínda, logo de trinta prórrogas, estase a negociar a Lei que o aprobará definitivamente.

A segunda alternativa levou á Administración autonómica a solicitar ao Goberno central un mecanismo para compensar os indebidos, cunha negativa por parte do Executivo nacional. Polo que, en terceiro lugar, o Goberno galego decidiu manter a Risga durante todo o período que os solicitantes do IMV se mantiñan á espera de cobrar a prestación para evitar deixalos sen ingresos.

De cara a medio e longo prazo, a Xunta de Galicia adaptará a súa política de inclusión ao Ingreso Mínimo Vital. Para iso, no vindeiro trimestre tramitarase a reforma da Lei de inclusión social, para o que a conselleira de Política Social pediu un amplo apoio parlamentario. O Goberno galego leva meses traballando nesta reforma, para a que conta coas achegas das entidades de loita contra a pobreza.

 

Imaxes relacionadas