Trenor destaca a aportación do proxecto de talentos inclusivos para mellorar a calidade de vida de personas con parálise cerebral grazas á tecnoloxía

O delegado da Xunta participou no acto de peche do programa e na entrega de recoñecementos aos retos máis destacados

O obxectivo deste programa foi espertar vocacións STEM entre os mozos e mozas e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral

A Coruña, 22 de xuño de 2021.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou no acto de peche do proxecto “Talentos Inclusivos”, que se está levando cabo grazas á colaboración da Consellería de Educación, Cultura e Universidade, Aspace (Asociación de padres de persoas con parálise cerebral) e a Universidade da Coruña a través do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións).

O obxectivo deste programa foi espertar vocacións STEM entre os mozos e mozas e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.

Trenor destacou que este programa "foi un reto, un exemplo de unión, de colaboración e de innovación. Unha boa mostra de que o traballo en equipo divide os esforzos e multiplica os resultados”.

Neste programa participaron 120 persoas nos equipos colaborativos entre persoas con parálise cerebral, mozas e mozos e profesorado, 30 profesores da UDC, institutos e centros de Formación Profesional e leváronse a cabo 45 retos tecnolóxicos propostos por ASPACE. Os retos encádranse en cinco apartados: produtos de apoio e impresión 3D, control do entorno do fogar, rehabilitación, acceso ao ordenador ao móbil e aos sistemas de comunicación e ocio.

Concretamente recibiron o seu recoñecemento os alumnos, profesores e usuarios de Aspace dos seguintes proxectos: creación dun sistema anticolisión para as cadeiras de rodas; robot controlado coa man ou a cabeza, creación de produtos de apoio con impresión 3D, adaptación de xogos clásicos de máquinas recreativas e creación de premedores adaptados, creación de traxes de led con control remoto adaptado, adaptación de xoguetes infantís, adaptación de coches de exploración temperá e dron controlado coa man ou a cabeza e sistema adaptado para o acendido e apagado do computador.

Os centros educativos participantes foron: IES Miraflores de Oleiros, colexio Calasanz PP Escolapios, CPR Salesianos San Juan Bosco, IES David Buján de Cambre, IES As Mariñas de Betanzos, IES Terra Trasancos de Narón, IES Ortigueira e IES Sofía Casanova de Ferrol.

O representante do Goberno autonómico incidiu en que todas estas actividades tiveron como obxectivo facilitar a vida diaria ás persoas con parálise cerebral e potenciar o seu rol como actores proactivos no futuro. Ademais, engadiu, “búscase favorecer que os mozos e mozas exploren e experimenten con tecnoloxías innovadoras, detectando as necesidades identificadas durante os diferentes restos e o impacto psicosocial da solución tecnolóxica na vida diaria dos participantes”.

Imaxes relacionadas