Ethel Vázquez avanza un investimento de 53.000€ no reforzo da seguridade do camiño de Fisterra en Negreira, unha das 70 actuacións que se executarán este ano nas vías autonómicas por 1,4 M€

O Diario Oficial de Galicia publicará esta semana a encomenda para levar a cabo as 70 obras a partir da segunda quincena de xullo, co obxectivo de rematalas este mesmo ano

A conselleira concreta que no Camiño de Fisterra se levarán a cabo 11 actuacións nas estradas autonómicas cun investimento de máis de 204.000€, iniciándose en xullo nos concellos de Mazaricos e de Corcubión

Vázquez Mourelle enmarca as intervencións no esforzo da Xunta por mellorar a seguridade viaria dos Camiños de Santiago, cun investimento nos últimos anos de 3,5 M€, ademais dos 12,6 M€ das intervencións que se están a ultimar á súa entrada en Compostela

Pide que o Goberno de España avance tamén na mellora das rutas xacobeas nas vías estatais, xa que ata agora só ten executado o 10% do investimento comprometido
 

Negreira (A Coruña), 22 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe un investimento de 53.000 euros no reforzo da seguridade do Camiño de Fisterra en Negreira, unha das 70 actuacións que se executarán este ano nas vías autonómicas cun investimento da Xunta de 1,4 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, co xerente da Axencia Turismo de Galicia, Emilio De la Iglesia, achegouse ao municipio coruñés, ata o lugar da Barca, onde se levará a cabo a actuación de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade para favorecer unha mobilidade máis segura para peregrinos e veciños, neste treito paralelo do Camiño de Fisterra coa vía autonómica AC-447.

A conselleira explicou que nese punto, onde existe un cruce con boa visibilidade, pero tamén unha zona onde os peregrinos teñen que camiñar pola beiravía durante un treito de 270 metros, construirase unha pequena senda, de preto de 200 metros, e disporase un cruce sinalizado que favorecerá un tránsito máis cómodo e seguro para os camiñantes. A previsión é que a intervención se execute no mes de setembro.

Sinalou que se trata dunha actuación sinxela, en canto á súa execución e ao investimento, pero dunha enorme importancia en canto á seguridade viaria, facendo así que este treito do Camiño de Fisterra, gañe protagonismo, “ofrecéndolle ao peregrino unha ruta, ademais de máis segura e cómoda, tamén máis acolledora e agradable”, dixo.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade enmarcou esta intervención no traballo que se vén realizando desde a Xunta para reforzar a seguridade viaria, a accesibilidade e a integración paisaxística dos Camiños de Santiago, con actuacións levadas a cabo nos últimos anos en diversas vías autonómicas e que suman un investimento de 3,5 M€. A estas súmanse as intervencións que se están a ultimar de integración paisaxística dos Camiños á súa entrada na cidade de Compostela, ás que a Xunta destina 12,6 M€.

Agora, tal e como destacou Ethel Vázquez, a Xunta pon en marcha un novo programa para impulsar 70 novas actuacións para mellorar a seguridade en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, que suporán un investimento de 1,4 M€.

Avanzou que esta mesma semana, o Diario Oficial de Galicia publicará a encomenda para levar a cabo esas 70 actuacións, que se desenvolverán con criterios comúns no deseño, tanto desde o punto de vista da seguridade, como da accesibilidade e dos materiais empregados.

Apuntou que a previsión da Xunta é iniciar estes traballos no mes de xullo e o obxectivo é ter executadas a práctica totalidade das intervencións este mesmo ano.

A conselleira precisou que no caso concreto do Camiño de Fisterra, se levarán a cabo 11 actuacións nas marxes das estradas autonómicas para reforzar a seguridade e favorecer o tránsito dos peregrinos e camiñantes, cun investimento de máis de 204.000 €.

As primeiras actuacións que acometerá a Xunta, xa na 2ª quincena de xullo, serán nos concellos de Mazaricos e de Corcubión, nos cruces da ruta xacobea coas estradas autonómicas AC-400 e AC-445, respectivamente.

A titular de Infraestruturas de Mobilidade incidiu en que estas 70 actuacións para favorecer a seguridade, a comodidade e a experiencia do peregrinos estarán listas para atender a maior afluencia de peregrinos que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.

Nesta liña, a conselleira pide que tamén o Goberno de España avance no seu compromiso de mellora da seguridade e da accesibilidade das rutas xacobeas nas estradas de titularidade estatal, posto que ata agora só ten executado o 10% do investimento comprometido.

 

Imaxes relacionadas