A Xunta recibe 3 ofertas para construír a rede de augas pluviais no núcleo rural de Calvos, en San Cibrao das Viñas, que suporá un investimento de máis de 60.000€

Os traballos, que contan cun prazo de 2 meses, consisten na execución dunha rede separativa de augas pluviais e fecais, completando así as infraestruturas de saneamento e canalización de augas pluviais neste núcleo

Dotarase das infraestruturas subterráneas necesarias para a correcta evacuación das augas de choiva, así como a posterior reposición dos pavimentos e da capa de rodadura da travesía principal do núcleo de Calvos
 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibe tres ofertas para executar a rede de augas pluviais no núcleo rural de Calvos, no concello de San Cibrao das Viñas.
A actuación, que suporá un investimento autonómico de máis de 60.000 euros, consiste na execución dunha rede separativa de augas pluviais e fecais, completando as infraestruturas básicas de saneamento e canalización de pluviais no citado núcleo, mellorando os servizos e condicións de vida da súa poboación. Os traballos contan cun prazo de execución de 2 meses.
O proxecto de Augas de Galicia prevé unha serie de actuacións destinadas á dotación das infraestruturas subterráneas necesarias para a correcta evacuación das augas de choiva, así como a posterior reposición dos pavimentos e o acondicionamento da capa de rodadura da travesía principal do núcleo rural de Calvos.
Esta actuación poderá ser susceptible de financiamento da Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

O detalle das intervencións proxectadas

Nas actuacións destacan os traballos para a separación das redes de saneamento e de pluviais. Actualmente non existe recollida separativa das augas pluviais e augas residuais domésticas, que se canalizan nunha mesma tubaxe, ocasionando falta de eficiencia na depuradora, que non funciona adecuadamente cando hai unha achega de augas pluviais importante.
Para dispoñer dunha rede separativa de augas residuais, cuxo trazado discorrerá pola travesía principal do núcleo rural de Calvos, colocarase unha tubaxe independente para as augas pluviais, quedando a tubaxe actual para a recollida de augas residuais domésticas exclusivamente.
Para a recollida de pluviais construirase unha canaleta con reixa de 5 metros de lonxitude e 5 sumidoiros, tamén con reixa; elementos que se sumarán ao conxunto de sumidoiros xa existentes na actualidade.
Para a condución das augas pluviais colocaranse 424 metros de tubaxe, enterrada a unha profundidade mínima de 1 metro e repartidos en dous ramais, un principal de 403 metros de lonxitude, e un secundario de 21 metros. Inclúese tamén a construción dun total de 12 pozos de rexistro nos puntos de cambio de dirección da tubaxe.
A intervención prevé a reposición dun total de 11 acometidas particulares a vivendas desde a nova rede de pluviais.
Unha vez executadas as obras, as augas de escorrentía recolleranse nunha rede separativa sen incorporación doutros efluentes procedentes do saneamento antes da vertedura.
O departamento que preside Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.