A Xunta incrementa un 33% os fondos da nova edición do programa ‘Cultura no Camiño’ para concellos de toda Galicia

O DOG publica hoxe as bases destas subvencións ás entidades locais, cun orzamento de 1M€ co obxectivo de fomentar a reactivación cultural no marco do Xacobeo 21-22

As contías destinaranse á contratación de formacións profesionais galegas de teatro, música, danza, circo e maxia para a carteleira que se desenvolverá do 15 de xullo ao 30 de setembro
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia reforza o seu programa Cultura no Camiño cun orzamento de 1 millón de euros, destinado á contratación de espectáculos escénicos e musicais producidos de xeito profesional por formacións galegas. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas subvencións, que incrementan a súa dotación en máis dun 33% respecto do ano pasado e ás que poden optar todos os concellos de Galicia no marco do Xacobeo 21-22.

Esta liña de apoio insírese na colaboración que manteñen a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia para o desenvolvemento dunha variada programación cultural vinculada á celebración do Ano Santo, ao tempo que se encadra no Plan de reactivación do sector cultural posto en marcha pola Xunta.

Axudas de ata o 80% no rural

A novena edición de Cultura no Camiño desenvolverá do 15 de xullo ao 30 de setembro unha ampla programación de teatro, música, danza, circo e maxia de moi diferentes xéneros e estilos. Con tal fin, os concellos interesados poden solicitar ata o vindeiro 22 de xullo a subvención para financiar unha porcentaxe da contratación dos espectáculos, que se sitúa nun 80% no caso dos municipios de menos de 20.000 habitantes e nun 60% para os de maior poboación. Ademais, en ambos os casos increméntanse ata os 6000 euros as contías máximas da axuda.

A súa concesión seguirá o procedemento de concorrencia non competitiva de xeito abreviado, segundo o que as axudas serán outorgadas por orde de entrada, dando resposta a todas as solicitudes que reúnan os requisitos da convocatoria ata o esgotamento do crédito ou ata a fin do prazo. Poderán optar a elas tanto entidades locais a título individual como agrupadas en mancomunidade, asociación, fusión ou outra fórmula similar.

Para a configuración da carteleira de Cultura no Camiño 2021, cada entidade solicitante deberá programar un mínimo de tres actuacións de cando menos dúas disciplinas diferentes. Serán os propios departamentos de Cultura dos concellos adxudicatarios os encargados de elaborar cadansúa oferta escénico-musical dentro do circuíto, a partir dun catálogo integrado polos espectáculos das máis de 750 compañías e bandas de música que se rexistraron nesta novena edición.

Récord de actuacións en 2020

Malia as restricións provocadas pola pandemia, o circuíto da Xunta de Galicia ofreceu o ano pasado a cifra de actuacións máis elevada da súa historia, con 410 funcións escénicas e concertos en 133 concellos, que posibilitaron a contratación de máis de 160 formacións artísticas. A posta en marcha da primeira xeira do Plan de reactivación do sector cultural permitiu incrementar en máis do triplo a dotación asignada a esa iniciativa en 2000, de xeito que a pesar dos adiamentos e cancelacións provocadas pola covid-19, a actividade superou en máis dun 45% á do ano anterior.
 

Imaxes relacionadas