A Xunta licita por máis de 120.000 euros a redacción do proxecto construtivo de mellora da estación de bombeo de augas residuais de Mogor, en Marín

Definiranse as actuacións para axustar a capacidade de impulsión á poboación da área rural oeste deste municipio

Acondicionarase a infraestrutura tamén para reter o exceso de auga en tempo de choiva

As empresas interesadas no contrato, que ten un prazo de execución de 6 meses, poden presentar as súas ofertas ata o día 19 de xullo
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licita hoxe a redacción do proxecto construtivo para a mellora da estación de bombeo de augas residuais (EBAR)de Mogor, no concello de Marín.
A Plataforma de contratos públicos de Galicia recolle a licitación destes traballos que suporán un investimento autonómico de máis de 120.000 euros. Esta actuación cofinanciarase polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o día 19 de xullo para presentar as súas ofertas. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses.
As actuacións obxecto deste contrato recaen sobre a estación de bombeo denominada ‘Mogor 2’, e consisten nas análises da viabilidade, alternativas, anteproxecto e proxecto construtivo da obra de mellora das instalación existentes.
O obxectivo é adaptar a capacidade de impulsión a estación de bombeo ‘Mogor 2’ á poboación servida e de reter o exceso de auga en tempo de choiva, acondicionando a infraestrutura actual e intentando conseguir un volume de retención duns 500 m3.
Trátase de resolver a problemática do servizo na área rural oeste do concello de Marín, que engloba un gran número de bombeos en zonas rurais e urbanas dispersas que operan en cadea. Moitos deles non dispoñen de sistema de desbaste, o que provoca atascos e os consecuentes alivios ao medio. As redes, en xeral, son separativas aínda que ao seren moi extensas, hai zonas nas que se produce a entrada de augas pluviais, o que provoca certos alivios en tempo de choiva.
O bombeo de ‘Mogor 2’ é un dos principais da zona occidental do concello de Marín e recibe as augas procedentes dos bombeos ‘Goleta’ e ‘Mogor 1’, ademais de colectores que descargan por gravidade. A superficie total que finalmente descarga no bombeo ‘Mogor 2’ é moi extensa e en tempo de choiva recibe caudais moi elevados que provocan alivios ao medio receptor. Outro dos problemas que presenta o bombeo é que a súa capacidade é superior á que pode absorber o colector interceptor actual.
Saneamento da ría de Pontevedra
Esta actuación forma parte das distintas actuacións propostas no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, que permitirá mellorar substancialmente a curto prazo a depuración das augas residuais dos concellos de Pontevedra, de Marín, de Poio e de Vilaboa.
O Plan de saneamento local da ría de Pontevedra contén un programa de actuacións cun investimento de 47 millóns de euros que a Xunta financia con fondos propios e fondos Feder, con obras xa en marcha por 32 millóns e outras novas proxectadas por máis de 15 millóns.
En concreto, esta é unha das 10 desas novas intervencións, entre as que destacan, ademais, as planificadas na contorna do río Lameira, tanén en Marín; o bombeo de Cocheras ou a estrutura de regulación do Burgo, en Pontevedra; ou o tanque de tormentas e bombeo na Seca, en Poio.