O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade fai balance do desenvolvemento do curso no contexto de pandemia na última reunión do Comité Educativo do período lectivo que hoxe remata

Román Rodríguez felicita á comunidade educativa polo extraordinario traballo deste curso, que garantiu a presencialidade e unha incidencia da covid menor que no conxunto da sociedade

Román Rodríguez subliña que as medidas adoptadas, os protocolos en marcha e o compromiso de profesores, equipos directivos, persoal non docente, alumnos e familias fixeron posible garantir a seguridade sanitaria e preservar a calidade académica

O balance da pandemia nos centros educativos certifica que as aulas, cun 3,7% de casos fronte ao 4,7% do conxunto da poboación galega, no foron vectores de contaxio

Nove de cada dez positivos nos centros xa se atopaban en situación de corentena preventiva, o que reflicte que os sistemas de detección precoz funcionaron de xeito eficaz

A incidencia da pandemia foi similar en todos os grupos de idade e niveis educativos malia a teren medidas preventivas distintas para cada caso

A ventilación e o uso da máscara revélanse como as medidas que resultaron máis eficaces para reducir o risco de transmisión

O titular de Educación sinala que o seu departamento está traballando no próximo curso, que será de transición, con medidas específicas como o Plan Recupera, o Plan de Benestar Emocional ou o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Subliña que a pandemia “nos deixou moitas aprendizaxes” para o futuro, con medidas e iniciativas “que viñeron para quedarse”

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, recoñece o “intenso e extraordinario traballo” desenvolvido polo conxunto da comunidade educativa durante todo este curso, que foi “clave” para acadar a máxima presencialidade nas aulas ao tempo que lograr que a incidencia da pandemia fora menor que no conxunto da sociedade.
“Galicia ten que estar orgullosa do labor feito neste curso”, reiterou o conselleiro que, con motivo da reunión do Comité Educativo celebrada esta mañá no último día lectivo, quixo trasladar “as máis sinceras grazas a todos os eslabóns deste gran sistema educativo que é o sistema educativo galego”. Román Rodríguez expresou o recoñecemento de todas e cada unha das partes como os equipos directivos e o profesorado “cunha enorme responsabilidade neste curso”, o persoal non docente “fundamental na vida cotiá dos centros”, as familias “por comprender a necesidade de adaptarnos a unha serie de medidas novidosas”, e “sobre todo aos nenos e nenas e mozos e mozas, que demostraron que foron capaces de adaptarse a unha situación difícil para eles, e que foron tremendamente disciplinados no cumprimento das normas”.
Así o sinalou ante o Comité Educativo, ao que deu conta do balance da incidencia da pandemia nos centros escolares galegos. “Os datos permiten afirmar que as nosas aulas non foron vectores de contaxio” subliñou o conselleiro, quen explicou que isto foi posible grazas ás diversas medidas adoptadas, aos protocolos vixentes e, sobre todo, “ao compromiso demostrado polos docentes, os equipos directivos, o persoal non docente, o conxunto dos alumnos e alumnas e tamén as familias”.
Respecto ao balance de datos covid, o total de membros afectados pola covid ao longo do curso 20-21 foi dun 3,7% do total dos integrantes da comunidade educativa, por debaixo do 4,7% de persoas contaxiadas no conxunto da poboación galega. De feito a situación epidemiolóxica nos centros educativos rexistrou en todo momento unha evolución parella á do conxunto da sociedade, pero manténdonse sempre por debaixo.
Ademais cómpre destacar que preto do 90% dos casos positivos rexistrados xa se atopaban en situación de corentena preventiva no momento de seren diagnosticados, o que reflicte que os sistemas de prevención e detección precoz empregados ao longo de todo o curso funcionaron de xeito correcto.

Incidencia similar en todos os grupos de idade

No que atinxe aos grupos de idade, o informe destaca que a porcentaxe de alumnado afectado pola covid foi practicamente a mesma en todos os rangos de idade (oscilando entre un 3 e un 4 %) malia a aplicarse distintas medidas en función dos niveis educativos dos que se tratara.

“O que nos din os datos é que todas as medidas resultaron eficaces, aínda que a medida común a todos os niveis educativos que se amosou máis determinante para conter o avance da pandemia nas aulas foi a ventilación e a máscara”, explicou o conselleiro.

Próximo curso, de transición

Unha vez superado “con nota” un curso “excepcional”, Román Rodríguez avanzou que o seu departamento xa está traballado de cheo para que o vindeiro curso “sexa un curso de transición no que o ensino vaia recuperando progresivamente a normalidade en liña co resto da sociedade”. A este respecto sinalou que a pandemia “tamén nos trouxo consigo moitas aprendizaxes que temos que empregar para seguir mellorando o noso sistema educativo”. Así pois, a Xunta está traballando nun protocolo que deberá ser abordado polo Comité Clínico, e que terá como base as indicacións sanitarias marcadas a nivel estatal.

Ademais do protocolo xeral de transición en fase de elaboración, a Consellería de Educación xa ten en marcha unha serie de medidas como son o Plan Recupera (con 1.250 docentes e un conxunto de medidas de reforzo académico para que ningún alumno se quede atrás), o Plan de Benestar Emocional (de acompañamento e apoio a quen o precise) ou o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica (dotado con 191M€, que introduce un novo concepto de centros educativos orientados ás novas esixencias académicas, sanitarias e medioambientais), entre outros.

Imaxes relacionadas