Luis López cualifica con "matrícula de honra" ás comunidades educativas e ás familias por celebrar un curso seguro fronte á covid-19 e cun ensino de calidade

O delegado territorial asiste á clausura do ano académico no CPI de Rodeiro xunto ao alcalde, Rubén Quintá, e destaca o esforzo de profesores, alumnos, familias e da Xunta para sacar o curso adiante conformando os centros como lugares seguros

Subliña que o traballo, a organización e os protocolos "permitiron a máxima presencialidade co conseguinte beneficio para os resultados académicos e para o proceso de ensino"
 

Rodeiro, 22 de xuño de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, escolleu o CPI de Rodeiro para clausurar, este mediodía, o curso escolar 2021/2022 na provincia de Pontevedra e cualificou "cunha rotunda matrícula de honra" ás comunidades educativas e ás familias polo seu traballo para acadar un ensino seguro fronte á covid-19 e coa máxima calidade e presencialidade.
O representante autonómico, acompañado do alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, e de membros do equipo directivo e profesores do colexio, saudou ao alumnado e destacou o esforzo realizado polos docentes, estudantes, familias e o propio Goberno galego "para sacar adiante un curso excepcional e condicionado pola pandemia conformando os centros como lugares seguros".
"O traballo, a organización e os protocolos permitiron conseguir a máxima seguridade sanitaria coa máxima presencialidade, polo que todo se desenvolveu con bastante normalidade, o cal repercutiu favorablemente no proceso ensino-aprendizaxe e nos resultados académicos dos cativos", significou.
O delegado territorial louvou o esforzo de directivos e profesores, "que foron máis aló das súas funcións, especialmente no labor organizativo", e tamén do alumnado "que foi un exemplo e que cumpriu as normas mellor ca ninguén".
"Entre todos conseguimos que os centros fosen seguros e que se acadasen fitos lectivos de presencialidade e ensino que non conseguiron outras comunidades ou países, o cal foi importante para os nenos e as súas familias e que nos permiten pechar o curso con resultados óptimos", manifestou.
Nesta liña, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén afrontou un curso diferente no que asumiu gastos extraordinarios por 162 millóns de euros, reforzo de docentes, persoal de limpeza e comedores, accións de ensino virtual e dotación de ordenadores aos alumnos que os precisaron.
Finalmente, Luis López anunciou que a Xunta está a preparar, de cara ao vindeiro curso académico, un protolo de transición "para continuar polo camiño da excelencia e manter a seguridade sanitaria nun escenario que agardamos que sexa distinto, e mellor, ao do presente ano". Así, poranse en marcha o Plan Recupera, para 50.000 alumnos e dotado con 1.250 profesores, e o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, para facer os centros máis versátiles cun investimento de 191 millóns de euros ata o ano 2024.
 

Imaxes relacionadas