A Xunta adxudica por case 1,4 M€ as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas da provincia de Lugo

Os traballos comezarán na segunda quincena de xullo e contarán cun prazo de 6 meses

Actuarase nas estradas LU-636, LU-546 e LU-741 ao seu paso polos concellos de Lugo, de Becerreá, do Corgo, de Sarria e da Pontenova

A Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos usuarios

 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

A Xunta adxudicou por case 1,4 millóns de euros as obras de renovación do firme nas estradas autonómicas da provincia de Lugo LU-636, LU-546 e LU-741, ao seu paso polos concellos de Becerreá, de Lugo, do Corgo, de Sarria e da Pontenova.
As actuacións, adxudicadas á empresa Grupo Bascuas 2008 S.L., comezarán na segunda quincena de xullo e terán un prazo de 6 meses.
As actuacións na estrada LU-636 levaranse a cabo entre o punto quilométrico 22 e ata o 31+140, situado á entrada do núcleo de Becerreá. A intervención neste tramo de 9 quilómetros inclúe a reparación das partes deterioradas e a reposición do firme en toda a calzada con tratamento asfáltico e rego de selado. Nos últimos 4 quilómetros, ata acceder á localidade becerrense, aplicarase mestura bituminosa en quente en todo o ancho do carril.
No caso das obras na estrada LU-546 realizarase un reforzo do firme superficial naquelas zonas máis deterioradas, mediante o fresado e reposición do firme; ao igual que nos primeiros 550 metros da estrada LU-741, onde tamén se levará a cabo este fresado e reposición do firme en zonas localizadas.
Na travesía de Sarria, tamén na LU-546, procederase ao estendido dunha nova capa de rodadura, de xeito que se melloren as características superficiais, previo fresado da existente.
Na estrada LU-741 realizarase o reforzo de firme desde o punto quilométrico 0+550, naqueles treitos onde sexa preciso.
O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos usuarios.