A Xunta agradece a todo o colectivo escolar o labor exemplar desenvolvido neste ano

O delegado territorial da Xunta en Ourense saudou ao equipo directivo, ao profesorado e equipo de mantemento aos que amosou o seu recoñecemento “polo traballo absolutamente impecable para garantir a máxima seguridade sanitaria nas aulas, así como a máxima presencialidade”

Gabriel Alén tamén se referiu aos escolares e ás familias, sinalando que “é preciso tamén poñer en valor o exemplo que nos deu o alumnado, que malia a súa idade cumpriu as normas e seguiu esforzándose día a día nas aulas”
 

Ourense, 22 de xuño de 2021.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, coincidindo co remate do curso escolar, visitou esta mañá, acompañado do tenente de alcalde, Armando Ojea, o CEIP O Couto.
Tras percorrer as instalacións do centro, o delegado territorial saudou ao equipo directivo, ao profesorado e equipo de mantemento aos que amosou o seu recoñecemento “polo traballo absolutamente impecable para garantir a máxima seguridade sanitaria nas aulas, así como a máxima presencialidade sen reservar ningún esforzo para que o proceso de ensino-aprendizaxe non parara”. “Coma sempre -continuou o delegado territorial- volvestes ir máis aló da vosa función educativa e desenvolvestes un importantísimo labor desde o punto de vista organizativo”.
Gabriel Alén tamén se referiu aos escolares e ás familias, sinalando que “é preciso tamén poñer en valor o exemplo que nos deu o alumnado, que malia a súa idade cumpriu as normas e seguiu esforzándose día a día nas aulas”. O froito deste esforzo conxunto -no que tamén hai que facer especial mención ás familias- fixo posible que os centros educativos fosen lugares seguros fronte á covid, o que permitiu manter os máximos estándares de calidade do ensino, e, o máis importante, garantir unha presencialidade case total nas aulas galegas.
O representante do Goberno galego lembrou que desde a Xunta púxose a disposición do sistema educativo todos os recursos necesarios partindo dunha inxección adicional de 162M€; un reforzo de docentes, persoal de limpeza ou comedores entre outros; a instauración de plans específicos para o ensino virtual e ordenadores á disposición de quen o necesitou; o Plan de Benestar Emocional ou o Plan de Atención ao Alumnado Vulnerable, ademais de protocolos específicos para os comedores e para as actividades escolares.
O delegado territorial tamén lles anunciou que “xa estamos traballando de cara ao vindeiro curso, no que apostaremos por un protocolo de transición que nos permita seguir avanzando cara á normalidade en liña co resto da sociedade, dar novos pasos no camiño da excelencia e, ao tempo, manter a seguridade sanitaria”; e matizou, “agardamos que o Goberno central fixe a súa postura e comunique axiña ás CCAA, que teñen as competencias en Educación, con que recursos económicos estatais se vai contar para facer fronte ao curso 2021/22”.
Gabriel Alén explicou que a Xunta ten xa comprometida unha iniciativa específica para que ningún alumno quede atrás: o Plan Recupera, un plan de choque para garantir os estándares de calidade do sistema educativo galego, que beneficiará a 50.000 alumnos, cun apoio de 1.250 docentes.
Así mesmo, subliñou o delegado territorial que “temos en marcha o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha iniciativa pioneira para reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa e estea adaptada ás novas necesidades académicas, sanitarias e tecnolóxicas, no que a Xunta ten previsto investir 191M€ entre 2021 e 2024”.

Proxecto “Camiño de Santiago”

O delegado territorial da Xunta aproveitou a visita para facer entrega aos alumnos participantes no proxecto educativo “Camiño de Santiago” de material promocional do Xacobeo 21 – 22.
O equipo de Biblioteca do CEIP O Couto propuxo levar a cabo un proxecto sobre o Camiño de Santiago de maneira virtual; dito proxecto contou co apoio do equipo de Normalización e co equipo de Activades Complementarias. Decidiuse afrontar este plan como un gran reto, xa que foi un curso complicado por mor da pandemia, cun longo camiño por percorrer o cal faríase pouco a pouco e todos xuntos.
O proxecto presentóuselle ao alumnado en forma de retos cunha meta final que era a de chegar a Santiago. Cada estudante e cada clase tiñan unha credencial, nas cales se ían contabilizando quilómetros virtuais por retos realizados. Os retos contabilizados eran diferentes en cada trimestre: coreografías, saltar á corda, facer andainas ou carreiras, contar contos, axudar aos pequenos, participar en campañas solidarias, etc. O que se pretendeu foi ter un tempo de lecer dinámico no que se puidese desconectar, pasalo ben e xogar.
Algúns dos principais obxectivos do proxecto foron: fomentar a solidariedade, o respecto e o compañeirismo; promover a lectura a través de propostas lectoras, encontros cos autores e obras de teatro; ademais de dar a coñecer o patrimonio artístico, paisaxístico e cultural do Camiño de Santiago. Estes obxectivos materializáronse en diferentes traballos que o alumnado fixo e que hoxe forman parte da exposición. A música tamén foi importante neste proxecto, sobre todo nas entradas, saídas e tempo de lecer.
Neste ano Xacobeo, o CEIP “O Couto” levou Santiago as aulas.
 

Imaxes relacionadas