A Xunta lanzará en setembro sesións de formación para combater a fenda salarial

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe en Vigo na xornada `Rexistro retributivo, auditoría salarial e plans de igualdade na peme: requisitos, obrigas e impacto´

O plan de igualdade, o protocolo de acoso sexual e o rexistro salarial dentro das empresas son ferramentas fundamentais para rachar coa fenda salarial entre homes e mulleres, explicou a directora xeral

O Goberno autonómico continúa deste xeito a formar na sensibilización en igualdade nas empresas e a favor das mulleres traballadoras

Vigo, 22 de xuño de 2021

Ferramentas como o protocolo contra o acoso sexual, a elaboración dun plan de igualdade dentro da empresa e o rexistro salarial do persoal da mesma son fundamentais para combater a discriminación salarial e a fenda de xénero dentro dos lugares de traballo, así o expuxo Elena Mancha, directora xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, na súa intervención hoxe no acto Rexistro retributivo, auditoría salarial e plan de igualdade na peme: requisitos, obrigas e impacto, organizado pola Asociación Española de Dirección e Desenvolvemento de Persoas (Aedipe) en Vigo.
Mancha destacou as melloras en xustiza social que poden ofrecer as auditorías dos plans de igualdade dentro das empresas, contribuíndo deste xeito a un entorno laboral máis san e xusto coas mulleres traballadoras, espírito ao que se quere contribuír co lanzamento en setembro dun seminario web para explicar os requisitos esixidos pola administración para os plans de igualdade no entorno laboral, de acordo ás obrigas recollidas no recente desenvolvemento regulamentario da Lei de igualdade de oportunidades do 2007.
A directora xeral, que estivo acompañada na xornada pola xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Marta Mariño, explicou varias das medidas adoptadas xa pola Xunta en relación ao fomento, formación e sensibilización na igualdade laboral como son, dunha banda, a aprobación en Diálogo Social dunha formación mínima de 8 horas para facilitar a negociación dos plans de igualdade e, por outra, unha liña de axudas económicas para pemes e micropemes para afrontar os gastos de elaboración destes plans de igualdade e a implementación de medidas dirixidas a favorecer a corresponsabilidade e o teletraballo.
Outras das medidas impulsadas polo Executivo autonómico, detallou Mancha, son a publicación na web www.aigualdadelaboral.com dunha guía para a elaboración destes plans en cinco pasos, así como ferramentas de autodiagnose da igualdade de xénero dentro da empresa e formacións específicas en liña sobre retribucións, teletraballo e conciliación.

Imaxes relacionadas