Arias aplaude “o traballo impecable” dos centros educativos para lograr a máxima presencialidade e seguridade nun curso excepcional

O delegado territorial de Lugo gabou “a entrega dos equipos directivos e do profesorado, o exemplar comportamento do alumnado e a implicación das familias”

Explicou no CEIP Anexa que a Xunta inxectou un orzamento adicional de 162 millóns de euros nos recursos extraordinarios que permitiron o desenvolvemento da actividade lectiva
 

Lugo, 22 de xuño de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe “o traballo impecable” realizado nos centros educativos para lograr a máxima presencialidade e seguridade nun curso excepcional e inédito marcado pola pandemia.
Arias asistiu ao acto de peche de curso no CEIP Anexa para agradecer “a entrega dos equipos directivos e do profesorado, o exemplar comportamento do alumnado, e a implicación das familias”. O froito deste esforzo conxunto, afirmou, “fixo posible que os centros educativos fosen lugares seguros fronte á covid, o que nos permitiu manter os máximos estándares de calidade do ensino e, o máis importante, garantir unha presencialidade case total nas aulas galegas”.
O delegado explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo a disposición do sistema educativo todos os recursos necesarios cunha inxección adicional de 162 millóns de euros de orzamento e co reforzo de docentes, persoal de limpeza ou comedores, entre outros; con plans específicos para o ensino virtual e ordenadores a disposición de quen o necesitou, un Plan de Benestar Emocional e un Plan de Atención ao Alumnado Vulnerable, ou con protocolos específicos para os comedores ou para as actividades escolares.
Arias avanzou que a Xunta traballa nun protocolo de transición para o vindeiro curso “que nos permita seguir avanzando cara á normalidade en liña co resto da sociedade”, á espera de que o Goberno central fixe a súa postura e comunique ás comunidades autónomas os fondos estatais con que contarán no curso 2021/22.
A Consellería ten xa comprometida unha iniciativa específica para que ningún alumno quede atrás: o Plan Recupera, un plan de choque para garantir os estándares de calidade do sistema educativo galego que beneficiará a 50.000 alumnos e compromete o apoio de 1.250 docentes.
Así mesmo, está en marcha o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado con 191 millóns de euros de investimento para o período 2021-2024. Trátase dunha iniciativa pioneira para reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa e estea adaptada ás novas necesidades académicas, sanitarias e tecnolóxicas.
Ao respecto, o delegado lembrou que no eido das infraestruturas existe un ambicioso proxecto para crear unha gran área educativa entre o propio colexio da Anexa e o CIFP Politécnico. A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo trasladarse ao Campus de Fingoi, e o seu lugar será ocupado por un novo instituto público, que se sumará aos IES Lucus Augusti e Nosa Sra. dos Ollos Grandes.
Igualmente, o vindeiro curso comezará a funcionar o novo colexio do Sagrado Corazón. “Continuamos apostando por un ensino público de calidade, investindo na mellora e modernización dos centros, o equipamento e os recursos educativos”, afirmou Arias.

Imaxes relacionadas