Valentín García presenta en Madrid un libro que recompila as pezas audiovisuais sobre o Camiño de Madrid

O volume 'Un camiño de cine Xacobeo' de Pilar Falcón recolle cronolóxicamente o cine feito sobre o fenómeno do Camiño de Santiago

Madrid, 21 de xuño de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Madrid na presentación de Un camiño de cine Xacobeo, a nova obra de Pilar Falcón na que se recompilan os documentais e longametraxes feitos ao longo dos anos e que teñen como protagonista o fenómeno do Camiño de Santiago.

No acto de presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou "a importancia que ten para a difusión da cultura e a lingua galega o feito de que a industria cinematográfica incorpore o fito Xacobeo nas súas producións". Neste sentido, resaltou a influencia que o audiovisual ten no público e a importancia de traballos como o feito por Pilar Falcón "para reforzar a imaxe da nosa terra".

Ademais de Valentín García e a propia autora, no acto tamén participaron o editor José Luís Pardo e a actriz Estíbaliz Veiga.

Camiño de cine Xacobeo recolle cronolóxicamente o cine que xira arredor do Xacobeo e do Camiño de Santiago ao tempo que reivindica a categoría Cine Xacobeo como un xénero en si mesmo. Así, a obra da presidenta do Club de Xornalistas Galegos supón un traballo de recompilación, arquivo, documentación e análise de 50 películas e documentais de televisión que centran o seu interese no Camiño de Santiago, ofrecendo ao lector unha viaxe a través destes audiovisuais que nos achegan ás paisaxes, lingua e cultura galegas.

A recompilación que supón este libro vese enriquecida polas miradas de Mónica Casuso, Xisela Franco, Norberto López, Diego Moldes, Padre Paco, Ángel Peláez, Mamen Quintas, Estíbaliz Veiga e Darío Villanueva, persoeiros da escrita e do audiovisual que achegaron o seu punto de vista persoal do Camiño.

Semana Xacobeo 21-22 en Madrid

O acto celebrado hoxe enmárcase Semana Xacobeo 21-22 Madrid, un programa de actividades promovidas polas Asociacións e Centros Galegos de Madrid (ACGM) para desenvolver ao longo dos anos 2021 e 2022 dentro do Plan Estratéxico Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia. A Semana Xacobeo 21, que comezou o pasado 18 de xuño e durará ata o 27 do mesmo mes, conta con diversos actos programados co obxectivo de difundir o Camiño de Santiago, en particular, e a cultura galega, en xeral, a través da súa gastronomía, folclore musical e tradicións.