O Diario Oficial de Galicia publica a nova orde reguladora dos tipos de contratos no Sergas

A nova regulación aplicarase a todo o persoal temporal do Sistema Público de Saúde de Galicia

Substitúe a normativa vixente dende o ano 1997

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova Orde da Consellería de Sanidade pola que se regulan as modalidades dos nomeamentos de persoal estatutario temporal do Sistema Público de Saúde autonómico, que se aplicará ás contratacións temporais que se formalicen tanto no conxunto do Serrgas como das fundacións e entidades públicas sanitarias adscritas á propia Consellería.
 

Coa orde hoxe publicada cúmprese o compromiso que fora adquirido no Plan de continxencia en materia de recursos humanos por mor do Covid-19, pactado coas organizacións sindicais na Mesa Sectorial de Sanidade o pasado mes de decembro.

A nova regulación de Sanidade, que entrará en vigor o vindeiro 1 de setembro, substituirá a actual orde vixente dende o ano 1997, e supón unha actualización dos modelos de contratos do persoal da sanidade.
 

Con esta orde conséguese a uniformidade dos tipos contratos en todo o sistema sanitario público galego, regulando aspectos moi particulares desta materia, como son o período de proba, os tipos de contratos existentes e a súa duración e extinción.

Esta orde regula a contratación do persoal temporal imprescindible para garantir o funcionamento permanente das institucións sanitarias,cubrindo substitucións de ausencias, permisos, vacacións do persoal fixo así como as vacantes, e vén completar a lexislación estatal reforzando o principio de causalidade nas contratacións do persoal temporal, ao esixir que se detallen as causas e circunstancias concretas que xustifican cada modalidade de contrato. Ademais, establece cando procede -como é o caso dos vínculos eventuais- unha duración máxima destes e as razóns obxectivas que poden xustificar a súa prórroga.

A norma prevé, así mesmo, que na páxina web do Sergas estean dispoñibles e debidamente actualizados os distintos modelos de contratos de persoal estatutario temporal, que figuran arestora recollidos como anexos da propia orde.