A Xunta anima na Coruña a participar na campaña ‘Días azuis’ para dinamizar o comercio de proximidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá varios dos establecementos coruñeses adheridos á campaña, que se levará a cabo ata o 30 de xuño

A iniciativa sorteará 12.000 euros entre os clientes a través de tarxetas prepago de 150 e 250 euros que comezarán a repartirse o próximo mes de xullo

A Coruña, 21 de xuño de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron esta mañá varios dos comercios adheridos á nova edición da campaña Días Azuis, organizada pola Federación Galega de Comercio, Xunta de Galicia e Abanca ata o 30 de xuño co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade.
No seu percorrido por algúns dos negocios da cidade que se quixeron sumar á iniciativa, como
San Andrés 21 e Lázaro Óptico, Heredia manifestou a importancia que supoñen estas campañas na recuperación dun dos sectores que máis sufriu as consecuencias da crise provocada pola covid-19 como é o do comercio.
Así, animou aos galegos e galegas a comprar e apoiar a actividade deste tipo de locais ao longo de todo o ano, e a aproveitar ata finais de mes para participar nos Días Azuis, rexistrando o seu tícket na web www.diasazuis.com ou ben solicitando que rexistre a compra o propio comerciante.
Nesta edición, sortearanse entre os clientes un total de 12.000 euros en 64 tarxetas prepago: 24 de 250 euros e 40 de 150 euros, que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos tradicionais galegos antes do 30 de xuño de 2022. O sorteo, ante notario, terá lugar o vindeiro 5 de xullo.
A iniciativa, tal e como recordou Manuel Heredia, enmárcase dentro do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio de Galicia que a Xunta está a desenvolver para incentivar o consumo e facilitar a dixitalización do sector.
É o caso do Bono Activa Comercio, que ofrece 30 euros de desconto para compras en tendas e que, a día de hoxe, xa suma más de 147.000 usuarios e máis de 5.600 comercios adheridos en toda Galicia –61.492 e 2.165 pertencentes á provincia da Coruña, respectivamente–.

Imaxes relacionadas