Luis López informa da "volta á normalidade con prudencia" nas residencias e centros de día tras 15 meses de restricións

O delegado territorial explica o protocolo de apertura e novas medidas grazas ao avance da vacinación fronte á covid-19 no centro da terceira idade de Campolongo

O representante autonómico destaca o "bo facer e responsabilidade" de traballadores e usuarios para conter o coronavirus durante a crise sanitaria

Os recintos volven permitir as saídas ao exterior, flexibilización das visitas, recuperación de actividades e transporte e supresión dos grupos burbulla
 

Pontevedra, 21 de xuño de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá o complexo de maiores de Campolongo, emprazado na capital provincial, para informar da "volta á normalidade prudente e con sentidiño" nas residencias e centros de día públicos tras 15 meses de restricións.


O representante autonómico informou que o protocolo de reapertura e de novas medidas está vixente dende esta pasada fin de semana e decretouse grazas ao avance na vacinación fronte á covid-19, que xa chega ao 100% de traballadores e usuarios, e á seguridade sanitaria implantada nestas instalacións pola Xunta de Galicia.


"Quero destacar o bo facer e a responsabilidade de traballadores e usuarios da rede pública de atención á terceira idade de Galicia, que foi fundamental para conter ao máximo posible o coronavirus, especialmente nos momentos máis difíciles desta crise sanitaria", subliñou Luis López, que engadiu que "afortunadamente conseguimos que as circunstancias agora sexan outras, claramente mellores, coas máximas garantías de protección da saúde dos residentes e do persoal, polo que pódense volver a facer moitas das actividades de antano con seguridade".


O delegado, acompañado pola xefa territorial de Política Social, María José Pérez-Izaguirre, e polos responsables do centro, fixo un percorrido polas instalacións para coñecer os protocolos das novas medidas de reapertura, que inclúen en todo caso algunhas restricións para evitar contaxios e gromos.


Así, levántase a prohibición de saída ao exterior dos residentes, que incluso poderán pernoctar fóra presentando unha proba negativa ao seu regreso; flexibilízanse as visitas recomendando que non concorran máis de dous familiares e esixíndose cita previa; acéptase o establecemento de contacto físico; elimínanse os grupos burbulla para as comidas e actividades; e mantense a obriga do uso de máscara, lavado de mans e ventilación das estancias.


En canto aos centros de día, recupéranse as rutas de transporte, esténdense as demais medidas comúns establecidas nas residencias e segue a ser obrigatoria a cobertura da enquisa epidemiolóxica, o cambio de calzado no acceso e, no caso dos profesionais, a muda de roupa en cada quenda de traballo.


"Agardamos que toda a comunidade das residencias e dos centros de día, pero especialmente os usuarios, aproveiten con sentidiño, tal e como fixeron estes quince meses, esta nova realidade, porque fixeron un esforzo enorme, cun nulo contacto cos seus seres queridos, e cremos que poden comezar a recuperar o perdido coa máxima seguridade", concluiu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas