A Xunta adxudica a construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-230 no concello de Campo Lameiro

Os traballos, adxudicados por máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo estimado de 2 meses

Trátase de mellorar a seguridade viaria da zona, coa construción dunha senda na marxe esquerda da vía autonómica, entre os puntos quilométricos 0+885 e 1+345, que actualmente non conta con zona de circulación independente do tráfico rodado

O itinerario terá un ancho mínimo de 1,8 metros, con bordos e unha elevación con respecto á calzada de 10 centímetros

Destaca na intervención o tramo en rampla, que se iniciará no punto quilométrico 0+920, que dará continuidade á zona de circulación peonil por dentro da área recreativa, e complementarase coa colocación dunha varanda de madeira similar á actual

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-230, ao seu paso polo concello de Campo Lameiro.
O contrato foi adxudicado á empresa Construcciones y Reformas 3 Torres 2010, por máis de 48.000 euros. Os traballos comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de 2 meses.
O obxectivo da actuación é mellorar a seguridade viaria da zona, coa execución dunha senda peonil na marxe esquerda da estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 0+885 e 1+345, que actualmente non conta con zona de circulación independente do tráfico rodado.
A senda terá un ancho mínimo de 1,8 metros, será de formigón cor terrizo, con bordos e unha elevación con respecto á calzada de 10 centímetros.
En concreto, o itinerario comezará no punto 0+885, para seguir uns metros máis adiante, no 0+920, onde se iniciará un tramo en rampla, que lle permitirá dar continuidade á zona de circulación peonil por dentro da área recreativa que se localiza nese punto. A execución da senda continuará no punto quilométrico 1+070, finalizando no 1+345.
O tramo en rampla complementarase coa colocación dunha varanda de madeira, de características similares á actual, que delimita a área recreativa.
Na intervención inclúese a modificación da actual rede de drenaxe, dado que a senda se executa sobre o espazo que actualmente ocupa a cuneta. Proxéctase, en substitución desta, a execución dunha canalización subterránea, así como os correspondentes sumidoiros e pozos de rexistro que permitan a evacuación óptima da auga da plataforma e das marxes.
Na parte inicial darase continuidade ao paso salvacunetas que existe actualmente, polo que se dispoñerá un colector, coa correspondente embocadura e aletas na conexión coa cuneta.