A Xunta ve en Maderas Gestal un exemplo da renovación que está acometendo a industria forestal

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, visitou esta mañá en Oza-Cesuras as instalacións do serradoiro Maderas Gestal

Oza-Cesuras (A Coruña), 21 de xuño de 2021

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, visitou esta mañá as instalacións do serradoiro Maderas Gestal en Oza-Cesuras para coñecer de primeira man o proceso de renovación tecnolóxica e automatización de procesos que está levando a cabo a empresa nos últimos anos e os seus próximos proxectos.
Empresa familiar de segunda xeración, Maderas Gestal dá emprego a 30 traballadores e nos últimos anos resultou beneficiaria das axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destinadas a apoiar os investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais. Grazas a estes apoios a compañía puido reducir os custos de produción, optimizar procesos e incrementar a calidade do produto, así como mellorar as condicións de traballo.
Na súa visita, o director destacou que Maderas Gestal é un exemplo da renovación e modernización que se está acometendo na industria forestal e aproveitou para lembrar que, nestes momentos, Xera conta con dúas liñas de axudas abertas. Así, ata o 25 de xuño poden presentarse solicitudes para realizar actuacións de valorización, potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia, da segunda transformación e do contract, dotada con 2 millóns de euros. Poderán optar a estes apoios as microempresas, pequenas e medianas empresas do sector forestal, segunda transformación e do contract radicadas en Galicia para a realización de investimentos que teñan como obxectivo aumentar a produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados. Tamén para a posta en marcha de procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental, dirixido especificamente aos procesos produtivos da segunda transformación da madeira.
Ademais, ata o 19 de xullo está aberta a convocatoria de apoios por 500.000 euros para a realización de accións formativas non regradas por parte de asociacións sen ánimo de lucro representativas da cadea de valor forestal, os colexios profesionais e as fundacións de interese xeral con relación directa con este eido.

Imaxes relacionadas