A conselleira do Mar participou por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios

Galicia defende a intervención dos estados membros para flexibilizar o regulamento europeo de control e adaptalo á realidade de frotas como a baixura

Avoga por que a videovixilancia a bordo sexa voluntaria ou obrigatoria como sanción para aqueles que cometan algunha infracción grave en materia de eliminación de descartes e por excluír á pesca de baixura e ao marisqueo da xeolocalización

Galicia seguirá traballando aportando datos e argumentos ao Goberno central para que na fixación de posibilidades de pesca de 2022 se teñan en conta os aspectos socioeconómicos ademais dos medioambientais

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a necesidade de que o futuro regulamento europeo de control da pesca atenda á realidade das distintas frotas como a de baixura. Nesta liña, Galicia avoga pola intervención dos Estados membros na flexibilización de medidas que poden dificultar en gran medida o labor diario dos profesionais do mar como a instalación de cámaras a bordo, a xeolocalización ou o rexistro dixital das declaracións de desembarque.
Así o expuxo no marco do Consello Consultivo de Política Pesqueira no que se debateu sobre a proposta de modificación do regulamento europeo de control, un asunto que se abordará a próxima semana no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea.
No caso da videovixilancia a bordo, a titular de Mar lembrou que tanto a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo como outros actores do sector son máis partidarios de que esta medida sexa voluntaria ou obrigatoria como sanción para aqueles que cometan algunha infracción grave da normativa pesqueira en materia de eliminación de descartes.
En canto á xeolocalización das embarcacións, a comunidade galega defende a exclusión da pesca de baixura e do marisqueo desa obrigatoriedade posto que o dispositivo supón un custo importante e trátase de profesionais ben controlados ao atoparse preto da costa.
Outro dos aspectos que Galicia considera negativos da proposta de regulamento de control é a obriga de rexistrar dixitalmente as declaracións de capturas antes da chegada a porto. Neste caso Galicia avoga por que se exima desta obrigatoriedade ás embarcacións de menos de 12 metros de eslora que realizan mareas inferiores a 24 horas e tamén ao marisqueo, en moitos casos cun único tripulante a bordo, o que complica a súa operatividade e supón maior burocracia duplicando a notificación previa ao desembarque, a nota de venda ou o documento de rexistro.
A maiores, a comunidade galega manifestou a necesidade de manter os avances conseguidos no posicionamento do Parlamento Europeo en relación a este anteproxecto de regulamento, entre eles o de conseguir manter o plan de mostraxe de pesaxe e marxe de tolerancia de erro en estimación na cuantificación das capturas.

Cotas de pesca para 2022

No Consello Consultivo tamén se realizou un debate previo de cara ao próximo Consello de Ministros de Pesca da UE sobre a comunicación da Comisión Europea en relación ás posibilidades de pesca de 2022. En canto a este asunto, Galicia observa con atención o recoñecemento que a Comisión Europea realiza sobre o bo estado das pesqueiras no Atlántico Nordeste, que no 2021 case acada o Rendemento Máximo Sustentable, é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes sen prexudicar o stock.
En canto á eliminación dos descartes de pesca, para favorecer a súa eliminación Galicia defende a necesidade de ter en conta a súa orixe, motivada maioritariamente pola escaseza de cotas. Tamén propugna a aplicación de vantaxes para as artes de pesca máis selectivas co obxectivo de incentivar melloras neste eido.
De xeito especial, a comunidade galega manifestou o seu desacordo coas liñas de fixación de Totais Admisibles de Captura de cara a 2022, tendo en conta os precedentes de 2021 no que se estableceron as posibilidades de pesca considerando unicamente os aspectos medioambientais e sen avaliar as circunstancias de cada caladoiro e a afectación socioeconómica.
En relación ás cotas de pesca para as especies en augas compartidas entre a Unión Europea e Reino Unido, a titular de Mar manifestou a necesidade de perfeccionar o sistema de negociación de cara a futuras ocasións para evitar sentar un precedente negativo na determinación dos TAC.
Neste sentido, Rosa Quintana expuxo que Galicia seguirá traballando de cara as negociacións futuras aportando datos e argumentos ao Goberno central en defensa dos intereses da frota pesqueira. De feito a comunidade galega xa está a elaborar, coa colaboración do sector e da Universidade de Santiago de Compostela, informes de impacto da redución de cotas para a súa defensa ante a UE na negociación de cotas para 2022.

Imaxes relacionadas