Os preto de 500 profesionais das fundacións de investigación sanitaria verán melloradas as súas condicións laborais

Poderán desfrutar dunha homoxeneización das categorías, de melloras salariais; de regulación dos permisos e da conciliación da vida familiar e profesional; de medidas de igualdade; e de plans de formación anuais

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021

O edificio administrativo do Sergas, en San Lázaro, acolleu hoxe a sinatura do primeiro convenio colectivo específico para o persoal das Fundacións de Investigación Sanitaria. No acto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que estas institucións están encargadas da xestión dos Institutos de Investigación Biomédica en Galicia, que son o principal instrumento a través do que, a Xunta de Galicia e o Sergas, canalizan a súa actividade de investigación e innovación no eido sanitario.


Grazas a esta sinatura, -remarcou o conselleiro-, os preto de 500 profesionais das fundacións de investigación sanitaria de Galicia poderán desfrutar dunha homoxeneización das categorías de persoal; de melloras salariais con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro deste ano; de regulación dos distintos permisos de conciliación e do exercicio do teletraballo; así como de medidas de igualdade de xénero; e da implantación de plans de formación anuais.


A sinatura de hoxe é, -dixo García Comesaña-, un paso importante para seguir a desenvolver as capacidades do noso sistema público de investigación sanitaria, que ten que complementarse “con retos que temos por diante como é o maior apoio ás spin-offs, a integración da formación da investigación clínica ou o avance cara a cunha carreira investigadora”.


O responsable da sanidade pública da nosa Comunidade, remarcou que o Goberno galego sempre apoiu a negociación entre as Fundacións e o persoal, co obxecto de conseguir o mellor acordo posible que permita a Galicia dar unha homoxeneidade e seguridade aos profesionais que están a prestar servizos para a investigación sanitaria no sistema público.


Longo proceso


García Comesaña lembrou que, coa sinatura de hoxe, ponse fin a un longo proceso que supoñía negociar tres convenios colectivos de forma conxunta, para que se convertera nun só acordo común para todo o sistema de investigación biomédica. Tal e como detallou o conselleiro, dende o comezo do proceso tiveron lugar un total de 25 reunións da comisión de negociación e outras 4 xuntanzas coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, a quen o conselleiro agradeceu o seu labor. Tamén agradeceu o traballo do xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa, “unha das persoas con máis experiencia de Galicia en xestión sanitaria pública”.


Sinalar, por último, que o acordo de hoxe foi asinado pola presidenta do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), Eloína Núñez; o presidente do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, Luis Verde; polo Instituto de Investigación sanitaria Galicia Sur, Javier Puente, así como polos representantes dos respectivos comités de empresa.


No acto, José Ramón Fernández Lorenzo, director científico do Instituto de Investigación sanitaria Galicia Sur, falou en representación dos directores científicos. Por parte dos comités de empresa falou, Mabel Sampedro Parada, presidenta do comité de empresa do IDIS.
 

Imaxes relacionadas