A Xunta adxudica por máis de 850.000 euros as obras de mellora do firme en tres estradas das comarcas de Santiago, de Arzúa e do Barbanza

Trátase de actuacións nas vías autonómicas AC-453, AC-960 e AC-305 ao seu paso polos concellos de Santiago, Ames, Val do Dubra, Boqueixón, Touro e Boiro

Os traballos prevén iniciarse na primeira quincena de xullo e incluirán o fresado e a reposición do firme e a instalación da sinalización

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue traballando na conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles vías máis seguras e cómodas aos cidadáns

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras para executar a mellora do firme en 3 estradas autonómicas nas comarcas de Santiago, de Arzúa e do Barbanza.
O contrato foi adxudicado á empresa Construcciones Leonardo Miguelez, S.L, cun prazo de execución de 6 meses. Os traballos prevén iniciarse na primeira quincena de xullo.
As actuacións consistirán no acondicionamento da capa de rodadura nos treitos máis deteriorados da estrada AC-453, de Roxos a Portomouro; da estrada AC-960, desde A Susana ata o límite con Vila de Cruces; e da AC-305, entre Padrón e Ribeira.
Estas obras levaranse a cabo nos distintos tramos da citadas vías autonómicas, ao seu paso polos concellos de Santiago, de Ames, do Val do Dubra, de Boqueixón, de Touro e de Boiro.
Os traballos nas zonas máis deterioradas centraranse no fresado e na reposición do firme, en anchos variables, dependendo da posición e extensión das deficiencias. Nas zonas co firme fisurado pero sen deformación a rehabilitación consistirá na extensión dunha capa de rodadura en todo o ancho do carril.
A intervención da Xunta completarase coa reposición da sinalización horizontal e do balizamento, ademais do repintado nas zonas nas que se realice o fresado e a mellora do firme.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.