A Xunta eleva ata os 6,7 M€ o orzamento destinado ás primeiras axudas convocadas para impulsar a boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común

Coa finalidade de atender a ampla demanda xerada por esta primeira convocatoria, o presuposto para estas achegas increméntase nun total de 5,2 millóns de euros, permitindo case quintuplicar os 1,5 millóns iniciais publicados o pasado mes de febreiro

Cabe lembrar que, para chegar a máis comunidades de montes, o prazo de presentación de solicitudes -inicialmente de 30 días hábiles- ampliárase en 15 días adicionais, ata mediados do pasado mes de abril
? Ata entón, recibíronse 2.080 peticións de axuda, que representan máis do 60% dos 3.312 montes incluídos no Rexistro de MVMC

O obxectivo destas subvencións é consolidar a xestión das máis de 660.000 hectáreas que abranguen as comunidades de montes veciñais en Galicia, que supoñen máis do 25% da superficie forestal da nosa comunidade

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que eleva ata os 6,7 millóns de euros o orzamento destinado ás primeiras axudas convocadas para impulsar a boa gobernanza nas Comunidades de montes veciñais en man común (Cmvmc). Coa finalidade de atender a ampla demanda xerada por esta primeira convocatoria, o presuposto para estas achegas increméntase nun total de 5,2 millóns de euros, permitindo case quintuplicar os 1,5 millóns iniciais publicados o pasado mes de febreiro. Nese senso, cabe lembrar que, para chegar a máis comunidades de montes, o prazo de presentación de solicitudes -inicialmente de 30 días hábiles- ampliárase en 15 días adicionais, ata mediados do pasado mes de abril.
Coa ampliación orzamentaria, perséguese dar resposta ás 2.080 solicitudes recibidas, que representan máis do 60% dos 3.312 montes incluídos no Rexistro de MVMC. Cómpre recordar que estas axudas foron convocadas por primeira vez este ano 2021, co obxecto de profesionalizar a xestión dos montes veciñais e de consolidar as propiedades que abranguen. Estes obxectivos están en liña coas directrices do grupo de traballo do Consello Forestal -no que están representadas as Cmvmc-, co mandato da Comisión parlamentaria especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e co recollido na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.
O incremento de presuposto -que se reparte nas anualidades de 2021 e 2022- abrangue e reforza os catro tipos de actuacións contempladas na orde de axudas publicada en febreiro. Así, a primeira delas ten por obxecto o impulso do apoio profesionalizado á xestión forestal, con achegas á xestión administrativa e técnica para o desenvolvemento dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal (IOXF) aprobados. Tamén inclúe a certificación forestal do monte ou o seguimento das actuacións relacionadas, como a obtención de autorizacións administrativas, a redacción de proxectos, memorias ou informes, e a tramitación de axudas públicas ou direccións de obra.
O segundo tipo de actuacións contempla subvencións para a revisión dos esbozos que recollen os límites dos montes veciñais, xa que unha boa parte deles presentan inexactitudes ou erros cartográficos. En canto ao terceiro e ao cuarto tipo de accións subvencionables, están relacionadas cos deslindamentos parciais entre Cmvmc no primeiro caso, e cos deslindamentos parciais entre as comunidades de montes veciñais e terreos de particulares no segundo, para poder delimitar legalmente e dun xeito consensuado os límites entre as distintas propiedades.
Respecto aos obxectivos da convocatoria, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal persegue a posta en valor dos montes veciñais en man común para contribuír á fixación de poboación no rural, así como a multifuncionalidade destes terreos e o desenvolvemento sostible dos recursos mediante instrumentos de ordenación ou xestión forestal. Nesa liña, búscase ademais incrementar o número de montes con certificación forestal baixo o sistema PEFC ou o FSC, contribuír á loita contra o cambio climático mediante unha xestión axeitada que fixe mellor o carbono e reduza as emisións á atmosfera e, por último, promocionar as frondosas autóctonas, xa que os montes con este tipo de árbores rexistradas ou en proceso de inscrición teñen prioridade para acceder ás axudas.

Apoio da Xunta

Os montes veciñais constitúen un tipo de propiedade privada de natureza xermánica singular no contexto estatal, localizándose maioritariamente no noroeste de España e, case exclusivamente en Galicia, de aí a importancia de apoiar o seu labor. Segundo datos do Rexistro de MVMC, existen na actualidade 3.312 montes clasificados polos Xurados provinciais, totalizando 664.230 hectáreas, o que dá unha cifra media de 220 ha por monte (rango de 92 a 430 ha, segundo o distrito forestal).
As cifras indican a grande importancia superficial e social deste tipo de propiedade, aínda que a distribución dos MVMC non é homoxénea nas catro provincias galegas. Así, o 39,2% destes montes sitúanse en Ourense, un 30% en Lugo, o 21,7% en Pontevedra e só un 9,1% na Coruña. Mentres, o número total de comuneiros en Galicia é de 122.734, cunha media de 44 comuneiros por monte.
Con todo, no ano 2019, antes da pandemia, unha porcentaxe próxima ao 10% non dispoñía de estatutos vixentes e un 34% non tiña a Xunta reitora actualizada. Existen tamén problemas no mantemento actualizado do censo de comuneiros ou na comunicación en tempo dos reinvestimentos, estimándose que un 40,2% dos MVMC non estaban ao día no ano 2019 nesas prácticas de xestión, o que demostra a necesidade, en primeiro lugar, de publicar a orde de febreiro, e unha vez confirmado o éxito da convocatoria, reforzala orzamentariamente coa presente orde.
Por último, cabe apuntar que as axudas correspondentes ao primeiro tipo de actuacións financiaranse con 2,6 millóns de euros procedentes de fondos propios da Xunta. Mentres, as do segundo, terceiro e cuarto tipo sufragaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, cunha achega do Feader do 75%, do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación do 7,5% e da Xunta do 17,5 %, por un importe total combinado de 4,1 millóns de euros.
Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210621/AnuncioG0426-100621-0002_gl.html