A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río da Gándara, no concello de Pontevedra

Estes traballos desenvólvense nun treito deste río de preto de 1,1 quilómetros de lonxitude, ao seu paso polas parroquias de Santa María de Alba e de San Vicente de Cerponzóns

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle e na eliminación de especies invasoras
 

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río da Gándara, ao seu paso polo concello de Pontevedra.
Estes traballos estanse a desenvolver nun treito deste río de preto de 1,1 quilómetro de lonxitude, ao seu paso polas parroquias de Santa María de Alba e de San Vicente de Cerponzóns.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos, así como na eliminación de especies invasoras. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-sur e as súas zonas de acceso e protección.

Esta intervención contribuirá á mellora do leito fluvial para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.
 

Imaxes relacionadas