A Xunta abre a convocatoria de axudas para promover a formación de máis de 1500 profesionais na industria forestal galega

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación prevé apoiar 136 actuacións con esta iniciativa, aberta ata o 19 de xullo

Esta nova edición vai dirixida a asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro vinculadas á cadea de valor do forestal, así como agrupacións empresariais innovadoras e colexios profesionais
 

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2021

A Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de abrir unha nova convocatoria do programa de axudas que ten como obxectivo impulsar a formación e divulgación no eido da industria forestal. Con esta liña, á que se destinan 500.000 euros, prevese beneficiar ao redor de 15 organizacións profesionais, realizar 136 actuacións e chegar a 1550 profesionais do sector.
A convocatoria, aberta ata o 19 de xullo, diríxese a agrupacións empresariais innovadoras, asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal; así como a colexios profesionais cando as actividades subvencionables se correspondan co seu obxecto e fins sociais, segundo o disposto nos seus estatutos.
O obxectivo é dotar aos profesionais do sector das competencias necesarias para adaptarse aos cambios tecnolóxicos desta industria, así como dar a coñecer ao sector e á sociedade a importancia da industria forestal na economía galega, especialmente no eido rural.
En concreto, apoiaranse actividades formativas non regradas nas que se acredite a asistencia mínima de 10 persoas, sempre e cando o 70% do alumnado teña unha asistencia mínima do 80% da duración; así como actividades divulgativas nas que se acredite a asistencia mínima de 20 persoas. As axudas comprenden os custos da formación, ata un máximo de 100.000 euros por asociación adxudicataria.
Grazas a esta liña de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), o pasado ano investíronse un total de 470.000 euros en máis de 130 accións formativas. Esta iniciativa forma parte do paquete de medidas deseñado pola propia Xera para este ano por máis de 13,8M€, cos que se mobilizarán preto de 40 millóns na modernización e innovación da industria forestal, potenciando tamén a formación dos profesionais do sector.
 

Imaxes relacionadas