A Xunta adxudica por máis de 1,4 millóns de euros a elaboración do novo Plan galego de saneamento

O contrato impulsa a actualización do Plan de saneamento vixente para adaptalo aos desafíos do cambio climático, cun prazo de execución de 18 meses para, posteriormente, nunha segunda etapa, abordar a redacción do Plan galego de saneamento

O novo plan persegue dotar de saneamento adecuado os núcleos urbanos de máis de 1.000 habitantes, realizar a planificación axeitada na xestión das augas pluviais e ordenar a configuración do saneamento en territorios dispersos

A través do plan vixente, o Goberno galego leva investidos 1.100 M€ desde 2009 en máis de 300 actuacións de abastecemento e 350 obras de saneamento, apoiando aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais
 

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a prestación do servizo de apoio técnico nos traballos de elaboración e redacción do novo Plan xeral galego de saneamento, por máis de 1,4 millóns de euros.

Este contrato, adxudicado á Unión Temporal de Empresas Idom Consulting, Engineering, Architecture, SAU.& Serye Ingenieros, SL & applus Norcontrol, SLU, conta cun prazo de execución de 18 meses.

Trátase da contratación dos traballos da primeira fase de análise e diagnóstico da situación actual, así como da elaboración das directrices de saneamento de Galicia. O seu obxectivo é a actualización do Plan de saneamento vixente para impulsar o novo documento, que constituirá unha ferramenta imprescindible para abordar a estratexia de cambio climático, tanto no ámbito da mitigación dos seus efectos, como no da adaptación e anticipación ante as ameazas derivadas dun escenario de seca.

O principio reitor no que se baseará o novo Plan galego de saneamento será a loita contra o cambio climático, que aparecerá de maneira transversal e integrada ao longo dos procesos de planificación, programación e execución das medidas. Integraranse tamén os principios que rexen a Estratexia galega de economía circular 2019-2030.
O novo Plan Galego de Saneamento

O contrato para a redacción do novo Plan propón un ambicioso programa de traballo, estruturado nas seguintes liñas: garantir o saneamento adecuado para todas as aglomeracións urbanas maiores de 1.000 habitantes; realizar unha xestión adecuada das augas pluviais na planificación do saneamento; e ordenar a configuración do saneamento en territorios dispersos como son os do medio rural galego.

De xeito transversal, a estas tres grandes liñas de traballo estratéxicas, incorpóranse outras dúas: a mellora da gobernanza na prestación do servizo público de saneamento e depuración e o fomento da educación, divulgación e participación pública.

Coa actualización deste plan búscase a súa adaptación aos novos retos da Xunta nestas materias, incluíndo novos obxectivos e unha visión máis moderna e global dos problemas do saneamento e depuración en Galicia. O plan irá máis alá da porcentaxe de poboación conectada a redes de saneamento e sistemas de depuración, para incluír aspectos determinantes como a sostenibilidade da prestación do servizo público, a relación co medio natural e os ecosistemas fluviais ou a eficacia e eficiencia dos sistemas de saneamento e depuración actuais.

O desenvolvemento do conxunto dos traballos realizarase ao longo de tres anos, diferenciándose esta primeira etapa de análise da situación actual, que culminará coa elaboración dunhas directrices metodolóxicas e técnicas; e unha segunda etapa, posterior, de elaboración e redacción do Plan galego de saneamento.

Cómpre lembrar que o vixente Plan galego de saneamento foi o impulsor do salto tan significativo que Galicia ten dado en materia de depuración e de calidade das augas nos últimos anos, contribuíndo notablemente á extensión do servizo público de saneamento aos principais núcleos de poboación e á construción das principais estacións depuradoras da comunidade autónoma.

Desde 2009 o Goberno galego leva achegado 1.100 millóns de euros á execución de máis de 300 actuacións en materia de abastecemento en 165 concellos e máis de 350 obras de saneamento en beneficio de 186 concellos, apoiando ás administracións locais no desenvolvemento das súas competencias municipais de abastecemento, saneamento e depuración, tal e como se establece na normativa básica en materia de réxime local.