A Xunta informa favorablemente ao proxecto de Adif para a remodelación da estación de San Cristóbal

O delegado da Xunta destacou que o documento da Comisión Provincial de Patrimonio, que dá o visto e prace á proposta de Adif, recolle tamén varias recomendacións para a conservación do edificio histórico protexido da estación

Patrimonio tramitou o expediente por vía de urxencia dada a importancia estratéxica deste proxecto ferroviario
 

A Coruña, 19 de xuño de 2021.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou que a Xunta deu o visto e prace ao proxecto de ADIF para a remodelación da estación da Coruña-San Cristóbal. O representante do Goberno autonómico destacou que a proposta tramitouse pola vía de urxencia, ao tratarse dun proxecto ferroviario estratéxico para a cidade.

A proposta de ADIF tivo un informe favorable de Patrimonio, pero tamén recolle unha serie de recomendacións para a conservación do edificio histórico protexido. A estación de tren actual, que foi proxectada no ano 1927 por Antonio Gascue Echevarría e na que remataron as obras no ano 1943, tivo varias transformacións e agora necesita unha nova adaptación para a mellora do tráfico ferroviario.

Neste sentido, a Comisión de Patrimonio suxire que as obras que se acometan deben permitir unha correcta lectura do edificio orixinal sendo capaces así de preservar os valores históricos do inmoble e adaptalo ás novas funcionalidades.

Entre as consideracións destacan que o módulo comercial proxectado baixo a marquesiña histórica sexa o máis liviá posible, de tal xeito que non deturpe os valores do volume orixinal. Ademais, recoméndanse que as marquesiñas proxectadas na fachada noroeste da estación sexan o máis sinxelas e liviás posibles para que permitan visualizar claramente o edificio histórico.

En relación á pasarela de acceso, que unirá as avenidas de Sardiñeira e do Ferrocarril, a Comisión considera que esta estrutura debe ser tamén o máis sinxela e lixeira posible de tal xeito que teña o menor impacto visual.

O informe recomenda tamén que o tratamento das novas cubertas proxectadas teñan uniformidade coas cubertas do edificio orixinal. E propón que a modulación das fachadas do novo edificio manteña o ritmo da fachada do edificio orixinal para permitir unha lectura integradora.

 

Trenor destacou que despois deste paso, que se deu nun tempo récord -o documento entrou na Xefatura de Patrimonio o 28 de maio e resolveuse no primeiro Consello de Patrimonio que tivo lugar esta semana-, "reclamamos a Adif a máxima axilidade administrativa para incorporar á cidade da Coruña ao mapa da intermodalidade e para facilitar que a Xunta invista os case 17,5 millóns de euros que ten reservados para a nova estación de autobuses".

Trenor subliñou que o obxectivo da Xunta é conseguir materializar, o antes posible, un investimento conxunto de case 80 M€ para o que aínda é necesario superar varios trámites pendentes. "Por parte da Xunta todo o que dependa da nosa administración estase axilizando ao máximo para intentar recuperar algo do tempo perdido", engadiu Trenor.

Para o Goberno galego a intermodal é un proxecto estratéxico para dotar á cidade herculina dunha infraestrutura que funcione como un gran centro de transporte público e permita o intercambio entre o autobús en cuestión de poucos minutos. Trátase de facilitar o acceso ao Eixo Atlántico ou ao AVE, cando chegue, desde a cidade da Coruña, pero tamén desde os concellos da área ou desde a Costa da Morte.

A estación intermodal tamén debe contribuír a facer cidade, ordenando e humanizando todo o ámbito da actual terminal e dotando a zona de Sardiñeira dun novo aparcadoiro con 325 prazas.