A Xunta recibe un cento de proxectos de entidades sociais para o Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia recibiu un cento de proxectos por parte das entidades sociais de Galicia para o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O prazo para a presentación de solicitudes rematou o pasado venres día 18 de xuño, logo de ser ampliado pola boa acollida que tivo a Manifestación de Interese lanzada pola Consellería de Política Social entre o terceiro sector.

As entidades, con ou sen ánimo de lucro, deberon detallar na súa solicitude aspectos de cada proxecto como os seus obxectivos, a súa localización, a súa planificación, estado de madurez e socios implicados, así como unha valoración económica.

As áreas nas que se deben centrar os proxectos son a innovación e a mellora do sistema de coidados. Así, buscarase a creación de novos equipamentos, a transformación tecnolóxica dos servizos sociais, a atención á infancia no medio rural, o coidado da saúde mental no ámbito da infancia e a aposta pola accesibilidade en sentido amplo.

Tamén se inclúe a loita contra a exclusión social a través da creación de centros específicos, do aproveitamento do potencial das zonas rurais e da redución da fenda dixital, iniciativas pioneiras no ámbito da dinamización demográfica e a fixación de poboación en zonas pouco poboadas, así como programas innovadores de educación non formal e voluntariado co obxectivo de fomentar e mellorar as capacidades e habilidades da poboación moza.

Candidatura de Galicia

Complementariamente, Galicia presentou unha candidatura ao compoñente 22 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que xestiona o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. A proposta impulsada pola Xunta no eido social consta dunha trintena de proxectos e un investimento de 164 millóns de euros divididos en tres anualidades.

Imaxes relacionadas