A Xunta adxudica a redacción do proxecto de mellora do espazo fluvial do río Louro, entre a PO-548 e a liña ferroviaria en Valga

O obxectivo é reducir o risco de asolagamento en Valga coas actuacións deseñadas por Augas de Galicia no Plan de xestión de risco de inundacións na área fluvial do río Ulla e Sar

Os traballos, cun investimento de 18.000 euros, teñen un prazo de execución de 8 semanas

Definiranse as medidas para encauzar o río Louro nunha lonxitude de preto de 600 metros desde augas arriba da estrutura baixo a estrada PO-548 ata a zona baixo a liña ferroviaria

Este proxecto súmase ao impulsado para a protección da marxe dereita do río Valga, tamén para minimizar o risco de asolagamento neste municipio
 

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a redacción do proxecto de mellora do espazo fluvial do río Louro, entre a estrada PO-548 e a liña de ferrocarril, en Valga.
O contrato, que foi adxudicado á empresa Novotec Consultores S.A., suporá un investimento de 18.000 euros e ten un prazo de execución de 8 semanas. A empresa adxudicataria deberá definir as actuacións necesarias para acadar o obxectivo de mellorar esta contorna fluvial.

Trátase de impulsar as actuacións para reducir o risco de asolagamento no concello de Valga, deseñadas por Augas de Galicia no marco do Plan de xestión específico de risco de inundacións para área fluvial do río Ulla e río Sar, declarada de risco potencial significativo de inundacións.

Coa redacción deste proxecto definiranse as medidas para o encauzamento do río Louro nunha lonxitude de preto de 600 metros desde augas arriba da estrutura baixo a estrada PO-548 ata a zona baixo a liña ferroviaria.

Este proxecto súmase ao adxudicado recentemente para desenvolver as actuacións para a protección da marxe dereita do río Valga, tamén de cara a minimizar o risco de asolagamento neste municipio pontevedrés.

Avaliación de riscos

Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Desde o 1 de maio e ata o vindeiro 30 de xullo está aberto á participación pública o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano.

En paralelo, Augas de Galicia desenvolve os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Bahíña e o Groba, en Baiona; Lagares, en Vigo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; e o río Ulla-Sar, tanto en Valga, como en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira e Pontecesures.

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e concellos, para minimizar o risco de enchentes.
A Xunta segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.