A Xunta recibe 18 ofertas para executar as obras de demolición da antiga estación de autobuses de Santiago, que suporán un investimento de case 1,5 M€

A intervención comezará en setembro e o obxectivo é que estea entre finais deste ano e o comezo do próximo

Demolerase o edificio principal da terminal de autobuses, unha vez trasladados os servizos á estación intermodal, e manteranse os edificios anexos de oficinas e do parque de bombeiros

A actuación deixará a parcela preparada para a construción do novo edificio administrativo da Xunta, cuxo proxecto está en redacción
 

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 18 ofertas de empresas para executar as obras de demolición da estación de autobuses de Santiago de Compostela, que suporán un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

Estes traballos comezarán en setembro e desenvolveranse durante un prazo de tres meses. A previsión é rematar as obras a finais deste ano ou comezos do próximo.
O obxectivo da intervención é a demolición do edificio principal da estación de autobuses de Santiago, unha vez que quedou sen uso ao trasladarse os servizos á nova terminal intermodal, construída a carón da estación do ferrocarril.

Con esta actuación, a parcela quedará preparada para a construción dun novo edificio administrativo da Xunta de Galicia, cuxo proxecto está en redacción. Os edificios anexos, destinados a oficinas municipais e ao parque de bombeiros, mantéñense.

Traballos de demolición

A superficie construída a demoler son 13.301,40 m², distribuídos en tres andares. Dada a configuración do conxunto, prevese realizar a demolición practicamente na súa totalidade no interior da parcela delimitada.

As obras comezarán coa demolición do edificio pola zona de dársenas de autobuses, desmontando ferros e elementos de cuberta, as envolventes metálicas e as carpinterías. Tamén se desmontarán as estruturas metálicas e as pasarelas de conexión coa terminal de pasaxeiros e demolerase a estrutura de formigón sobre as dársenas.

A continuación, procederase á demolición do volume superior, correspondente á terminal de autobuses. Nesta fase, derruiranse as plantas superiores desde a parte alta da parcela cara aos niveis inferiores.

Na execución dos traballos, ademais de ferramentas manuais, empregarase a cizalla hidráulica, un método para a demolición de estruturas con formigón e aceiro, que ademais reduce os riscos derivados da vibración que producen outros mecanismos de percusión.