Os 700 voluntarios da campaña ‘1m2 contra a basuraleza’ recolleron case 7 toneladas de lixo en 65 espazos naturais galegos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estivo representada na quinta edición desta gran recollida colaborativa anual de residuos, celebrada o pasado sábado 12 de xuño

Entre os residuos máis recollidos na Comunidade galega, destacan as latas, os envoltorios, as pezas de plástico e vidro
 

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda agradece a implicación dos 700 participantes na campaña 1m2 contra a basuraleza, que na xornada do pasado sábado, 12 de xuño, recolleron preto de 7 toneladas de lixo en 65 espazos naturais da xeografía galega.

Esta foi a quinta edición desta gran recollida colaborativa, na que a Xunta de Galicia estivo presente coa participación da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e que superou as expectativas iniciais dos organizadores, SEO/BirdLife e Ecoembes.

É unha das actividades máis coñecidas do programa Libera, que ten por obxectivo fundamental loitar contra a presenza de lixo na natureza e sensibilizar á cidadanía sobre este problema medioambiental.

As preto de 7 toneladas recollidas na Comunidade galega foron unha grande achega á cifra acadada a nivel estatal: 114 toneladas que deixan de afear e afectar ás contornas naturais e ás especies que habitan nas mesmas.

En canto o lixo máis frecuente recollido nas batidas celebradas en Galicia, destacan as latas, os envoltorios, as pezas de plástico e vidro.

A Xunta sumouse en 2017 por primeira vez a esta iniciativa, tendo en conta que nos últimos anos, o abandono e a acumulación de lixo nas contornas naturais converteuse nun problema xeneralizado, que ten un impacto negativo para a conservación do medio ambiente e, en consecuencia, do planeta.