Os autónomos e pemes galegos poderán solicitar este mes axudas á dixitalización que suman 17M€

As liñas de apoios e obradoiros á dixitalización, con 7,4 millóns, porán o foco nos proxectos para sectores estratéxicos como o téxtil, a construción naval ou a automoción

O 30 de xuño remata o prazo do programa Galicia Exporta Dixital, que destina 6M€ a ofrecer ás empresas ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización

Este mes abrirá o prazo de solicitude do Cheque Dixital para impulsar os procesos de dixitalización de ao redor de 1000 pemes e autónomos cun investimento de 4M€

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso cos autónomos e coas pemes galegas a través da promoción da súa transformación tecnolóxica e dixital. Así, durante este mes de xuño poderán acceder a varias liñas de axudas neste eido que suman un total de 17M€.
Por unha banda, ata o 1 de xullo, os interesados poden solicitar as axudas á dixitalización e tamén aos obradoiros vinculados a esta temática, liñas ás que se destinan 7,4M€. No caso concreto da nova edición destes apoios ádixitalización cómpre destacar que inclúe un incremento das axudas ata o 70% no caso das pequenas e medianas empresas dos sectores téxtil e moda, a automoción e a industria auxiliar do naval. O aumento será do 50% nos investimentos realizados no resto de pemes de calquera ámbito produtivo.
Cofinanciados polos fondos Feder, os proxectos de dixitalización apoiados poderán ser tanto individuais como realizados en colaboración a través de agrupacións de empresas. No primeiro caso, poden destinarse ao desenvolvemento de interfaces dixitais ou á implantación de solucións xa existentes para as interaccións con clientes e provedores; a posta en marcha de sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados e ciberseguridade; ou a implementación de sistemas para a dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral. As iniciativas colectivas poderán consistir tamén na utilización e implantación de sistemas de interacción dixital ou de xestión integral especializados de uso común.
Esta liña compleméntase cos apoios á realización de talleres de dixitalización, organizados por clústeres e colectivos empresariais, nos que se crean espazos de colaboración entre pemes para explorar solucións tecnolóxicas e a implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación entre sectores produtivos. Estes espazos dispoñen do financiamento do 100%.
Por outra banda, o programa Galicia Exporta Dixital, ao que se destinan 6M€, pecha o seu prazo o 30 de xuño. A finalidade desta liña é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización dando resposta á demanda crecente das empresas galegas para acometer os seus procesos de dixitalización internacional.
A través deste programa, pemes e comerciantes poderán obter apoios para a realización de diagnósticos de potencial exportador; plans de internacionalización dixital multicanle; plans de mercados electrónicos concretos; a creación e adaptación de tendas en liña e catálogos en liña para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo ou a adquisición de software específico, entre outros. Nas dúas convocatorias xa celebradas aprobáronse 155 plans de internacionalización dixital en máis de 90 países por importe total de máis de 5,57M€, cunha mobilización de 7M€.

Cheque dixital

Por último, nos próximos días abrirase unha nova convocatoria do Cheque Dixital cun investimento de 4M€ e o obxectivo de chegar a 1000 beneficiarios. Estes cheques teñen como prioridade a reactivación do tecido empresarial galego a través da transformación tecnolóxica e do impulso aos procesos de dixitalización, apoiando proxectos que promovan a súa adaptación á situación creada pola pandemia sanitaria.
As axudas cubrirán desde a habilitación de sistemas de control de aforo ou de normas de calidade da covid-19, ata outro tipo de melloras como a aposta por mecanismos de cartelería electrónica, sistemas de notificación en móbil, automatización de procesos regulados, ou a aplicación de solucións de conectividade e incorporación do teletraballo ou relativas á ciberseguridade.
Poderán aspirar a estes apoios as pequenas empresas e os autónomos do sector servizos, as entidades do tecido asociativo e empresarial galego, e as entidades da economía social que sexan pemes e non estean nos sectores da pesca/acuicultura ou produción primaria.
Os gastos realizados deberán ascender a un mínimo de 1500 euros, chegando a un máximo de 12.000 euros, e cubrindo a liña ata o 80% do custo dos proxectos, coa posibilidade de obter un anticipo da metade do orzamento. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de setembro.
A Xunta ratifica, deste xeito, a súa decidida aposta pola introdución das tecnoloxías no día a día do tecido empresarial galego. Neste sentido, o ano pasado destináronse 36 millóns de euros na procura de facer da transformación dixital unha parte moi importante da cultura empresarial galega.

Imaxes relacionadas