Técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán desprázanse a Folgoso do Courel para avaliar medidas de recuperación da zona afectada polo incendio desta semana

Os profesionais do CIF estiveron hoxe na parroquia de Folgoso do Courel deste concello lucense para analizar os danos causados polo lume e valorar as actuacións a levar a cabo

Cabe lembrar que este incendio se iniciou o pasado sábado e se extinguiu o luns, afectando 185 hectáreas, a meirande parte delas de monte raso

Folgoso do Courel (Lugo), 18 de xuño de 2021

Un grupo de técnicos do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán desprazáronse hoxe ao concello lucense de Folgoso do Courel para avaliar os danos causados polo incendio rexistrado esta semana na zona e para valorar as actuacións posteriores a levar a cabo.
Nesa liña, puideron comprobar que o solo non sufriu un nivel de afección importante, polo que non semella haber risco de erosión nin de escorrentía, malia a pendente existente na zona. Así, as necesidades pasarían, segundo as primeiras análises, por rexenerar a vexetación a longo prazo, especialmente nas valgadas.
Cabe lembrar que noutras ocasións anteriores, cando si se percibía risco de erosión do chan ou escorrentía, a Consellería do Medio Rural recorreu a técnicas como o mulching ou o helimulching. Esta técnica permite crear unha cuberta protectora do solo empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente). Estes traballos lévanse a cabo cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé.
Por último cómpre recordar que o referido lume forestal de Folgoso do Courel quedou extinguido o pasado luns na parroquia homónima, tras comezar na madrugada do sábado día 12. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 185 hectáreas. Delas, 145 ha foron rasas e 40 arboradas. Para o control deste incendio mobilizáronse en total 1 técnico, 15 axentes, 47 brigadas, 20 motobombas, 1 pa, 9 avións e 2 helicópteros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural