A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou nesta primeira reunión entre representantes dos gobernos autonómico e central

A Xunta e o Estado constitúen unha comisión interdepartamental para mellorar a sustentabilidade do agro na Limia

Inés Santé apuntou á necesidade de mellorar a xestión das dexeccións gandeiras e o regadío no marco do Plan estratéxico do sector agrario da Limia, analizando a situación actual e buscando solucións entre ambas administracións

Na comisión están representadas a Consellería do Medio Rural, a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a de Sanidade e a de Infraestruturas e Mobilidade, así como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a área funcional de Agricultura e Pesca da Delegación do Goberno en Galicia

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021

A Xunta e o Estado constituíron hoxe a anunciada comisión interdepartamental ao abeiro do Plan estratéxico do sector agrario da Limia, que ten por obxectivo mellorar a xestión das dexeccións gandeiras e o regadío da comarca. Así o dixo a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, que participou nesta primeira xuntanza entre representantes dos gobernos autonómico e central.
Na súa intervención, a directora xeral apuntou que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural leva traballando dende mediados de 2020 neste Plan, en colaboración coa Fundación Juana de Vega e co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia. Apuntando que a da Limia é unha das comarcas con maior produción agrícola de Galicia, tanto en produtos agrícolas (pataca e millo fundamentalmente), como en gandeiros (sobre todo porcino, avícola e vacún), destacou que o sector primario achega case o 30% do PIB da bisbarra.
Nesa liña, engadiu Inés Santé, é un feito que a gandería intensiva xera un impacto ambiental na Limia ao que cómpre buscarlle solucións. Máis aínda cando a comarca conta con valores ambientais destacados, como a Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA – A Limia). Tamén o ecosistema fluvial do Río Limia, concretamente a Veiga de Ponteliñares, está declarada Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, zona núcleo da Reserva da Biosfera Área de Allariz pola Unesco.
Perseguindo en todo momento o desenvolvemento rendible e sostible desta comarca ourensá, a directora xeral sinalou que cómpre unir os esforzos das distintas administracións co obxectivo de contribuír á mellora da xestión das dexeccións gandeiras para así garantir a viabilidade do sector agrario e a calidade de vida e benestar da poboación nese ámbito territorial. Este é o cometido co que se constitúe -dixo- esta comisión interdepartamental, con competencias en agricultura e gandaría, lexislación ambiental, xestión de auga e xestión de residuos.
Así, recalcou, o obxectivo desta comisión é concretar accións e proxectos que contribúan a mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas, evitando e reducindo a afectación medioambiental das prácticas agrogandeiras actuais.
Nesa dirección, a directora xeral concluíu referíndose a tres obxectivos específicos. Primeiro, a posta en común entre os diferentes departamentos das administracións para consensuar os cambios lexislativos necesarios para contribuír á mellora da xestión das dexeccións gandeiras e do regadío na comarca da Limia. En segundo lugar, a análise da viabilidade e do alcance das propostas de proxectos e accións extraídas do proceso de participación e do traballo de elaboración do Plan e, por último, o establecemento dunha serie de medidas concretas que se poidan incluír no Plan cun compromiso de execución no curto, medio e longo prazo.
En concreto, ademais da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, na reunión estiveron outros representantes de Medio Rural, como o xefe territorial da Consellería en Ourense e profesionais da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, así como do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estivo presente a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a de Calidade Ambiental e Cambio Climático, da Consellería de Sanidade acudiu a Dirección Xeral de Saúde Pública e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, representantes de Augas de Galicia. Canto á Administración Xeral do Estado, estivo presente a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a área funcional de Agricultura e Pesca da Delegación do Goberno en Galicia.

Imaxes relacionadas