A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou hoxe no acto de presentación da terminal ferroviaria, xunto co alcalde da cidade e coa presidenta de Adif

Ethel Vázquez celebra a activación da estación do AVE de Santiago e chama a coordinar horarios e medios de pago para acadar a intermodalidade completa

Vázquez Mourelle salienta as vantaxes da nova estación de autobuses construída pola Xunta ao carón da estación de ferrocarril, e conectada con esta por unha pasarela, que permite realizar en apenas 2 minutos os transbordos que antes requirían ata media hora

Subliña o investimento conxunto de 18,5M€ na culminación da primeira fase da estación intermodal de Santiago, dos cales máis de 14 foron achegados pola Xunta

Apela á colaboración para estender a intermodalidade que achegan as infraestruturas do transporte tamén aos servizos que prestan as distintas administracións

Pon en valor a achega da Xunta á mobilidade sostible, coa renovación das liñas de autobús interurbano, coa gratuidade do transporte público para menores de 21 anos e coas estacións intermodais
 

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, celebrou hoxe a activación do proxecto da estación do AVE de Santiago de Compostela e fixo un chamamento a coordinar horarios e medios de pago para acadar “a intermodalidade completa”.
Así o trasladou esta mañá no acto de presentación do proxecto da nova terminal ferroviaria no pazo de Raxoi, no que participou, xunto co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e o arquitecto Juan Herreros.
Na súa intervención, Vázquez Mourelle salientou a importancia da presentación deste proxecto estratéxico para a cidade, para Galicia e, para o Goberno galego, celebrando que continúe deste xeito o traballo conxunto iniciado hai seis anos coa sinatura do convenio para o impulso da estación intermodal de Santiago.
Apuntou que Santiago xa desfruta, desde hai case un mes, das vantaxes da intermodalidade, grazas á nova estación de autobuses construída pola Xunta ao carón da estación de ferrocarril, e conectada con esta por unha pasarela, que permite realizar en apenas 2 minutos o transbordo entre o autobús e o tren que antes podía requirir de ata media hora.
Trátase, dixo, dunha infraestrutura moderna e accesible que achega valor engadido á capital de Galicia que é, tamén, a capital dese turismo que se necesita para fortalecer a recuperación económica. A conselleira puxo en valor o xeito en que esa nova infraestrutura “fai cidade”, na medida en que a ordena, cos novos accesos acondicionados polo Concello; a vertebra, ao permitir superar a barreira histórica entre os barrios do Ensanche e Pontepedriña; e a dota dun “espectacular miradoiro sobre as Brañas do Sar”.
A conselleira sinalou que a nova estación de autobuses e a pasarela supuxeron un investimento conxunto de 18,5 millóns de euros, dos cales máis de 14 foron achegados pola Xunta, que tamén se encargou da contratación e execución das obras. Ao poñelas en servizo, o pasado 22 de maio, culminouse a primeira fase da estación intermodal de Santiago, remarcou.
Ethel Vázquez destacou que a activación das obras da primeira fase da intermodal foi un revulsivo para o impulso da segunda fase que demandaba Santiago e celebrou que agora xa estea en licitación a segunda fase, unha gran obra, cun deseño arquitectónico de referencia, que situará a capital de Galicia á altura das grandes cidades europeas.
A conselleira referiu a achega da Xunta á mobilidade sostible, coa renovación de todas as liñas de autobús interurbano, coa gratuidade do transporte público para mozos menores de 21 anos, e coa construción das estacións intermodais que incentivan o emprego do transporte colectivo.
Para seguir avanzando, Ethel Vázquez avogou por estender esa intermodalidade das infraestruturas tamén aos servizos de transporte que prestan as distintas administracións, traballando para acadar unha coordinación de horarios e unha integración de medios de pago.
 

Imaxes relacionadas