A Xunta achega máis de 136.000 euros para o acondicionamento do campamento xuvenil da Devesa

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou o complexo situado en Ribadeo

Nestas instalacións lévanse a cabo actividades como surf, escalada en rocódromo, tiro con arco ou xincanas acuáticas
 

Ribadeo (Lugo), 18 de xuño de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá o campamento xuvenil A Devesa para a posta en valor das obras que se están a executar para o acondicionamento das instalacións. A Xunta de Galicia destinou máis de 136.000 euros para a realización destas reformas.

Durante a visita, Cristina Pichel puido supervisar os labores de mantemento levados a cabo neste campamento, como a pintura interior e exterior dos barracóns, ao que se destinaron máis de 48.000 euros; o acondicionamento do camiño da entrada principal, no que investiron 25.700 euros; ou os traballos de carpintería, reparación de aseos e revisión das instalacións eléctricas, cun custo de máis de 26.000 euros.

Neste campamento lévanse a cabo actividades como surf, bodyboard, escalada en rocódromo, tiro con arco, xincanas acuáticas, obradoiros de reciclaxe para a conservación do medio e concursos de talentos, entre outras actividades.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado subliñou, neste sentido, a importancia que teñen este tipo de actividades, coas que se pretende fomentar o lecer educativo saudable e seguro das mozas e mozos galegos durante a temporada estival.

Este campamento dividirase en sete quendas que ofrecerá ata 365 prazas e estará repartido do 1 e o 10 de xullo, do 15 ao 24 de xullo, do 29 de xullo ao 7 de agosto, e por último do 12 de ao 21 de agosto.
 

Imaxes relacionadas