A Xunta agarda que o Goberno sexa sensible ás necesidades da comarca de Ferrolterra e dos traballadores de Navantia

Conde remarca que a Xunta leva un mes esperando desde que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou ao xefe do Executivo, Pedro Sánchez, o documento do Pacto de Estado por Ferrol

Destaca que existe “un entendemento claro” entre a Xunta e o comité de empresa á hora de reclamar ao Goberno que se sente nunha mesa para identificar as prioridades de Navantia Ferrol desde o punto de vista da modernización do estaleiro, a carga de traballo ou a formación

Precisa que na xuntanza tamén se falou sobre o traballo que Goberno galego, Navantia e comité de empresa poden desenvolver para fortalecer as capacidades industriais e tecnolóxicas do estaleiro a través da eólica mariña
 

Ferrol, 18 de xuño de 2021.- O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, manifestou hoxe o seu desexo de que o Goberno sexa sensible ás necesidades que neste momento ten a comarca de Ferrolterra e, en particular, os traballadores de Navantia. Segundo dixo, a Xunta agarda que o Goberno traslade unha resposta ás propostas que recolle o Pacto de Estado por Ferrol para poder concretar as medidas a adoptar.

“Esperamos que haxa unha resposta por parte do Goberno e por parte de Navantia para atender as prioridades vinculadas á transformación do estaleiro e á carga de traballo”, para remarcar que a Xunta leva un mes esperando desde que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou ao xefe do Executivo, Pedro Sánchez, o documento do Pacto de Estado por Ferrol.

Conde destacou que existe “un entendemento claro” entre a Xunta e o comité de empresa á hora de reclamar ao Goberno que se sente nunha mesa para identificar as prioridades de Navantia Ferrol desde o punto de vista da modernización do estaleiro, a carga de traballo ou a formación.

No que respecta á modernización do estaleiro, infraestruturas como o dique seco ou o taller de subbloques son determinantes para a competitividade do estaleiro á hora de asumir novos encargos. No tocante á carga de traballo, tamén para a industria auxiliar, referiuse ao buque de acción marítima (BAM) que sirva de transición para cubrir a falta de actividade ata o arranque das fragatas F-100. E sobre a formación, avanzou que a Xunta vai desenvolver un plan de emprego específico para todo o sector que permita a recualificación dos traballadores, tanto ocupados como desocupados, no ámbito dixital e con proxectos vinculados á formación profesional dual.

Eólica mariña

O vicepresidente económico precisou que na xuntanza tamén se falou sobre o traballo que Xunta, Navantia e comité de empresa poden desenvolver para fortalecer as capacidades industriais e tecnolóxicas do estaleiro a través da eólica mariña. Nesta liña, asegurou que O Goberno galego espera unha dobre consecuencia deste esforzo conxunto con todo o sector.

En primeiro lugar, que Galicia se poida posicionar neste ámbito, para o que a Xunta colaborará co Ministerio de Transición Ecolóxica no marco dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo priorizando a compatibilidade coa actividade pesqueira. E en segundo lugar, que Galicia poida ter capacidades propias para desenvolver novos produtos e estar dentro da cadea de valor da eólica mariña, traballando da man da universidade, os centros tecnolóxicos ou as empresas do sector.
 

Imaxes relacionadas