A Xunta e o concello dos Blancos estudan a posibilidade de levar a cabo novas melloras nas infraestruturas rurais

O conselleiro do Medio Rural mantivo un encontro telemático co rexedor acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo un encontro telemático co alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, para coñecer as necesidades e demandas relativas ao agro dos veciños deste municipio ourensán.

No encontro acordaron estudar a posibilidade de levar a cabo novas melloras nas infraestruturas rurais do concello. De feito, o concello dos Blancos ten unha asignación adxudicada de case 30.000 euros no plan Marco de 2021/2022 para a mellora dos camiños municipais de acceso ás parcelas agrícolas.

Neste senso, o conselleiro lembrou que o orzamento total deste Plan Marco é de 14,3 millóns de euros, case un 20% maior ao da convocatoria anterior. A través del búscase a mellora das condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias.

Por outra banda, o conselleiro e o rexedor do municipio acordaron ofrecer unha xornada informativa en setembro sobre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia a interese do Concello. Unha acción que pretende poñer en coñecemento dos veciños as posibilidades que lles brinda a norma en materia de xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos e o fomento da súa recuperación.

Un dos obxectivos do texto legal é promover a continuidade das explotacións e a boa xestión das terras que as conforman. Un feito que permite a anticipación ante os lumes forestais, así como traballar pola recuperación demográfica e polo asentamento no rural.

Imaxes relacionadas