Ethel Vázquez destaca que 1.160 mozos do Barbanza viaxan gratis por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova que lles permite aforros de ata 1.800€ ao ano

Vázquez Mourelle resalta que todos os menores de 21 anos teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde nas máis de 3.100 liñas de autobús que xestiona a Xunta

Incide na repercusión en Ribeira da completa modernización do transporte público por parte do Goberno galego, cun incremento do 40% do número de rutas e do 70% as paradas

Subliña as melloras nas conexións cara a Santiago, na coordinación dos servizos entre os concellos da comarca ou nas conexións cara ao hospital de Barbanza
 

Ribeira, 18 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe en Ribeira que 1.160 mozos da comarca do Barbanza viaxan gratis por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova da Xunta, que lles permite aforros de ata 1.800 euros ao ano.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe no apeadeiro central de autobuses en Ribeira o funcionamento da tarxeta Xente Nova, que permite viaxar gratis aos menores de 21 anos por toda Galicia no autobús interurbano da Xunta.

A conselleira lembrou que ata hai catro semanas esta tarxeta estaba operativa nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra. E desde agora, subliñou, é unha realidade en toda Galicia, xa que desde que o pasado 21 de maio se estendeu a súa cobertura territorial aos 313 concellos da Comunidade.

Isto significa que os 650 mozos de Ribeira menores de 21 anos que teñen o dispositivo Xente Nova se poden desprazar de balde no autobús da Xunta aos concellos veciños de Porto do Son ou Noia; pero tamén cara outras cidades como Santiago, A Coruña ou Pontevedra, ao igual que desprazarse gratuitamente a cada un dos concellos galegos.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade resaltou que empregando a tarxeta Xente Nova todos os mozos galegos, vivan onde vivan, teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde en calquera das máis de 3.100 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta.
Fixo fincapé na conquista social que supón que a mocidade galega teña acceso a servizos básicos como a educación e a sanidade, pero tamén ás actividades culturais e sociais, mediante un transporte público gratuíto. Ademais, sinalou que é un revulsivo no uso do transporte público por parte dos máis novos e unha importante axuda económica para as familias.

Nese sentido, concretou que unha familia dun rapaz de Ribeira que se despraza todos os días a estudar a Santiago terá un aforro de ata 1.800 euros ao ano no transporte público da Xunta empregándoo nos 9 meses de curso lectivo, grazas á tarxeta Xente Nova, coa que esas viaxes lle saen gratis.

A conselleira puxo o acento en como se está a incrementar o número de dispositivos expedidos en Ribeira desde a extensión do uso da Xente Nova a toda Galicia: en abril expedíronse uns 30 dispositivos, e no mes de maio as tarxetas Xente Nova solicitadas no municipio superaron as 230, unha cifra que se espera incrementar en adiante.

A tarxeta Xente Nova pode solicitarse nalgunha das 213 oficinas de Abanca habilitadas, tres delas no municipio de Ribeira.

Ethel Vázquez salientou a renovación integral levada a cabo desde a Xunta de todo o transporte público de Galicia o pasado mes de decembro, co obxectivo de ofrecerlle aos cidadáns servizos máis modernos e mellor adaptados ás necesidades da xente.

Incidiu en como esa completa modernización do transporte público da Xunta, no caso concreto de Ribeira, supuxo incrementar en máis do 40% o número de rutas e en máis dun 70% as paradas. Ademais, engadiu, permitiu dotar aos veciños de mellores conexións cara a Santiago, pero tamén dunha mellor coordinación dos servizos entre os concellos da comarca do Barbanza e mellores conexións, por exemplo, cara ao hospital.

A conselleira lembrou que a Xunta e o Concello de Ribeira asinaron o pasado mes de febreiro un convenio de colaboración para implantar bonificacións nas viaxes en autobús dentro do propio municipio. Grazas a iso, os veciños de Ribeira reciben bonificacións nos servizos que comunican as diferentes parroquias entre si, con descontos sociais adicionais para estudantes, pensionistas e persoas con especiais dificultades.
 

Imaxes relacionadas