O DOG publica hoxe o cambio de titularidade a prol do concello de Vilamarín da estrada OU-189 en San Martiño e Pazos de Monte, na que a Xunta investirá 455.000 euros

A entidade local asume a totalidade da vía autonómica de modo previo á licitación das obras de mellora da accesibilidade deste treito antigo da OU-901

Actuarase nos preto de 2,3 km de lonxitude da estrada, renovando as beirarrúas en ambas as marxes da travesía Pazos de Monte e instalando na entorna do pretil do río protección peonil e de contención de vehículos

Coa transferencia, o Concello asume a conservación e mantemento e poderá actuar sobre esta vía de acordo coas súas características, onde non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas
 

Ssntiago de Compostela, 18 de xuño de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a transferencia a prol do Concello de Vilamarín dun treito da estrada OU-189 en San Martiño e Pazos de Monte, como paso previo á súa reforma, que se levará a cabo cun investimento autonómico de case 455.000 euros.

A transferencia desta estrada autonómica será efectiva desde mañá, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/jwij0

O Concello de Vilamarin e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asinaron no mes de maio un convenio de colaboración para executar as obras de mellora da accesibilidade nesta treito de estrada, de preto de 2,3 quilómetros de lonxitude.

Mediante este convenio, a Xunta asume o custo da execución das actuacións, mentres que o municipio ourensán asumiu o compromiso de aceptar, de xeito previo á licitación do contrato de obras, a titularidade deste treito, que é un resto da antiga OU-901.

As obras, que executará o Concello de Vilamarín grazas ao convenio asinado coa Xunta, desenvolverán as intervencións necesarias para a mellora da accesibilidade proxectada nesta vía, de calzada única con carrís de 3 metros, en xeral sen beiravía e beirarrúas, agás nalgúns treitos das citadas parroquias.

A actuación comprende a mellora do estado do firme e da accesibilidade desta estrada, coa renovación da capa de rodadura da plataforma.

Na intervención inclúese a construción de senda-cuneta en pavimento de formigón e senda cuneta peonil, entre os puntos quilométricos 1+810 e 1+880, e a renovación das beirarrúas en ambas as marxes da travesía Pazos de Monte, desde o punto 1 á intersección do punto quilométrico 1+130.

Tamén se prevén actuacións para a recollida de augas naqueles puntos nos que se altere a sección transversal e a instalación de protección nas inmediacións do pretil do río, no punto quilométrico 1+665, para protección peonil e como sistema de contención de vehículos.

As obras completaranse con nova iluminación para incrementar a seguridade dos treitos con tránsito peonil.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, segue a fomentar investimentos que melloren as infraestruturas viarias, coa finalidade de favorecer o desenvolvemento económico e social e achegar unha maior calidade de vida á cidadanía.