A Xunta publica no DOG o cambio de titularidade a prol do concello de Narón da estrada autonómica AC-114 entre os núcleos do Val e de Baltar

Transfírense os 630 metros desta vía, que ten o seu inicio á altura do punto quilométrico 6+280, marxe esquerda, e discorre na súa totalidade polo municipio

A Xunta investiu recentemente máis de 48.000 euros no seu acondicionamento

Con esta transferencia o Concello asume a xestión e conservación deste tramo
 

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021.-. A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a transferencia a prol do Concello de Narón da estrada autonómica AC-114 entre os núcleos do Val e de Baltar, no concello de Narón.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado día 2 de xuño: https://xurl.es/jhytt
O Concello solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a transferencia da titularidade desta estrada ao seu paso polo lugar de Baltar, na parroquia do Val. A entidade local basea a súa solicitude na funcionalidade desta vía de carácter local, así como en que non serve de soporte ao transporte interurbano nin dá acceso a un equipamento de interese autonómico.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Xunta na Coruña, formula a proposta favorable de transferencia dos 630 metros de lonxitude da AC-114, que ten o seu inicio á altura do punto quilométrico 6+280, marxe esquerda, e que discorre na súa totalidade polo municipio de Narón. O treito foi obxecto de acondicionamento recente por parte da Xunta, cun investimento de máis de 48.000 euros.

As actuacións executadas polo departamento que dirixe Ethel Vázquez leváronse a cabo en toda a estrada coa fin de mellorar o acceso ao convento de Baltar e incluíron o estendido dunha capa de rodadura, a execución de cuñas de transición nos accesos a vivendas e a reposición da sinalización.

A transferencia a prol do Concello de Narón tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade o Concello terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.