Mañá comeza a veda da centola nas provincias da Coruña e Pontevedra

A prohibición de extracción deste crustáceo prolongarase ata o vindeiro 6 de novembro, día incluído, nas dúas provincias

Na provincia de Lugo a veda iniciarase o 26 de xuño e permanecerá vixente ata o 27 de novembro, día incluído

No caso do boi, o período de veda en toda Galicia prolongarase desde o 28 de agosto ata o 6 de novembro, ambos incluídos
 

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021

A veda da centola na parte litoral que vai desde A Guarda ata cabo Corrubedo e de cabo Corrubedo ata cabo Estaca de Bares comeza mañá e prolongarase ata o vindeiro 6 de novembro, día incluído. Na zona comprendida entre cabo Estaca de Bares e o río Eo, incluíndo a ría do Barqueiro, a veda comezará o 26 de xuño, sábado, e prolongarase ata o vindeiro 27 de novembro, día incluído.
Así o establece a resolución pola que se aproba o plan de xestión da centola e do boi para a campaña 2021-2022, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e que neste caso establece vedas diferenciadas para as dúas especies. Este ano está prohibido extraer centola nas provincias da Coruña e Pontevedra desde as 00.00 horas do sábado 19 de xuño ata as 24.00 horas do sábado 6 de novembro. Na provincia de Lugo a veda prolongarase das 00.00 horas do sábado 26 de xuño ata as 24.00 horas do sábado 27 de novembro.
Mentres, no caso do boi, a veda prolongarase en todo o litoral de Galicia desde as 00.00 horas do sábado 28 de agosto ata as 24.00 horas do sábado 6 de novembro.
Estes períodos de veda significan que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións por medio de calquera arte en augas de Galicia. De feito, as embarcacións dedicadas á captura de centola e boi con nasas deberán retiralas do seu calamento e levalas a porto.
A veda é unha das medidas que contribúen a aumentar a biomasa e a regular a pesqueira da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida das especies e así protexer a súa reprodución e favorecer unha explotación máis sustentable de ambos recursos.
 

Imaxes relacionadas