O conselleiro do Medio Rural comprobou hoxe de primeira man os danos ocasionados pola sarabia no concello de Chantada

A Xunta despraza mañá técnicos da Evega a Chantada para asesorar en coordinación coas oficinas agrarias comarcais aos viticultores afectados polo pedrazo

Os profesionais da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía e das OAC encargaranse de orientar aos produtores prexudicados pola treboada da pasada tarde sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade, para minimizar as perdas

Técnicos da Consellería do Medio Rural fixeron esta mañá un primeiro percorrido pola zona e constataron que nunha superficie de preto de 60 ha as vides quedaron sen follas nin acios, aínda que haberá que agardar uns días máis para que se manifesten a totalidade dos estragos

O conselleiro lembrou que a Xunta convocou en xaneiro unha orde de axudas cun orzamento de 6 millóns de euros para fomentar os seguros agrarios, apuntando que estas pólizas cobren os danos provocados por fenómenos meteorolóxicos extraordinarios como o de onte

O prazo de contratación destas pólizas subvencionadas polo Goberno galego está aberto ata o 15 de novembro -segundo a liña da que se trate- e as achegas correspondentes recíbense no momento da contratación
 

Chantada (Lugo), 17 de xuño de 2021

A Xunta desprazará mañá técnicos da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía (Evega) á localidade lucense de Chantada para asesorar -en coordinación co persoal das Oficinas agrarias comarcais (OAC)- aos viticultores afectados pola treboada de pedrazo rexistrada onte. Así o dixo o conselleiro do Medio Rural, José González, que hoxe comprobou de primeira man os danos causados pola sarabia neste concello lugués, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos. Segundo apuntou, estes profesionais encargaranse de orientar aos produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas.

Esta mañá, técnicos da Consellería do Medio Rural fixeron un primeiro percorrido pola zona e constataron que nunha superficie de preto de 60 hectáreas da parroquia de San Fiz as vides quedaron sen follas nin acios e que tamén houbo afeccións, aínda que en menor medida, nas parroquias de Pesqueiras e Líncora, en Chantada, e nas de Rebordaos e Diomondi, no concello veciño do Saviñao. Con todo, o conselleiro apuntou que haberá que agardar uns días máis para que se manifesten o total dos estragos.

Así, José González comprometeu na súa visita todos os mecanismos ao alcance do Goberno galego para que técnicos especializados poidan asesorar convenientemente aos viticultores na recuperación dos viñedos danados. Nesa dirección, facilitou o número de teléfono 982 889 112, correspondente á OAC de Monforte, para que os produtores e adegueiros afectados poidan resolver dúbidas e solicitar asesoramento, recalcando que dito número estará activo tamén durante a vindeira fin de semana.

Seguros agrarios

O conselleiro tamén aproveitou para facer un chamamento ao conxunto dos produtores da nosa comunidade, para que se acollan á orde de axudas que convocou o Goberno galego en xaneiro para fomentar os seguros agrarios. Así, destacou que as achegas da Xunta para fomentar a contratación das pólizas agrarias ascende neste 2021 aos 6 millóns de euros, un 20% máis que o orzamentado o ano pasado.
Nesa liña, insistiu na necesidade de asegurar os cultivos fronte a incidencias deste tipo, lembrando que os danos en explotacións debido a fenómenos meteorolóxicos extraordinarios están cubertos polas pólizas agrarias. Así, coas axudas da Xunta para impulsar a contratación destes seguros -engadiu- perséguese que os produtores poidan obter rendas dignas malia sucesos como o de onte, aportando estabilidade á xestión das súas explotacións.

Cabe sinalar que o prazo de contratación das liñas de seguro está aberto ata o 15 de novembro -segundo a liña da que se trate- e que a axuda correspondente se recibe no momento da contratación. José González apuntou que a Xunta concede estas axudas de forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2021 e de liñas gandeiras dos plans 2020 e 2021, formalizadas este ano.

Enlace á orde do DOG referida:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210114/AnuncioG0426-281220-0003_gl.html

Imaxes relacionadas