A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, presidiu hoxe a reunión de seguimento das medidas fronte aos danos causados por esta especie silvestre

A Xunta estudará declarar a emerxencia cinexética temporal nalgunhas zonas de Galicia para facer fronte aos danos do xabaril

A aplicación desta medida durante a tempada 2019-2020 en 33 concellos de catro comarcas logrou reducir nelas os avisos relacionados con estes animais en case un 30%

A administración galega e os sectores implicados no plan de control coinciden en que o Goberno central ten que avanzar na elaboración dun estudo poboacional do xabaril

O Executivo galego insiste ante a Fegamp na importancia de que os concellos teñan limpas e rozadas as áreas periurbanas para evitar crear zonas de encame

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia estuda volver empregar a declaración da emerxencia cinexética temporal nalgúns puntos da Comunidade como un instrumento temporal e extraordinario para facer fronte aos danos causados polo xabaril. Esta foi unha das principais conclusións da reunión de seguimento celebrada esta mañá en Santiago co fin de analizar a eficacia das medidas adoptadas para controlar e minorar o impacto desta especie e estudar tamén novas propostas de actuación.

Durante a xuntanza, convocada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, lembrou que en 2019 a Xunta declarou por primeira vez a emerxencia cinexética en 33 concellos de catro áreas xeográficas de Galicia: Betanzos-Eume, Terra Chá, Viana e Deza.

Tras esta experiencia pioneira, a efectividade da medida quedou avalada polos datos xa que, tal e como expuxo Do Campo, o número de avisos nestas comarcas reduciuse nun 29,4% con respecto á tempada de caza precedente.

Neste sentido, a Xunta trasladoulles aos asistentes á reunión —representantes das Administracións titulares das diferentes estradas (Ministerio de Fomento e Axencia Galega de Infraestruturas); DGT, Garda Civil de Tráfico e Seprona; Consellería do Medio Rural; Fegamp; Universidade de Santiago; Federación Galega de Caza; e sindicatos e organizacións agrarias (Unións Agrarias, Asaga e Sindicato Labrego Galego)— que se está a valorar a posibilidade de declarar a emerxencia cinexética en determinadas zonas de Galicia.

A medida, que na práctica permite abater ou capturar exemplares fóra do límite de cupo durante o período hábil de caza, deberá someterse a un estudo previo en base ao cal se decidirá a que áreas e concellos concretos afectaría, tendo en conta os datos máis recentes de avisos por danos, accidentes de tráfico, concentración de explotacións de porcino e demais parámetros que concorran para valorar a incidencia do xabaril en cada zona xeográfica da Comunidade.

Esta nova xuntanza enmárcase na canle de colaboración que manteñen as distintas administracións e colectivos implicados na xestión deste problema en Galicia a través da creación dun grupo específico de traballo que vén coordinándose nos últimos anos para o deseño e a avaliación dun plan de medidas fronte ás afeccións ocasionadas polos xabarís.

As accións deseñadas articúlanse ao redor de catro eixos principais: accidentes de tráfico; danos producidos na agricultura; xestión e aproveitamento da especie; e educación e formación dos colectivos implicados. Todas elas comparten o obxectivo común de tratar de paliar ou minorar os efectos dos danos que causa esta especie na Comunidade autónoma.

Avances no control do xabaril

Neste sentido, na mesa de seguimento tamén se avaliaron outros avances realizados polas distintas administracións implicadas no control do xabaril. Así, Do Campo valorou os mecanismos implantados para regular as poboacións desta especie tendo en conta a evolución dos danos nos últimos anos e lembrou, en concreto, que o período hábil de caza desta especie aumentou en case un 14% e o número de xornadas autorizadas, nun 43% nas últimas cinco tempadas cinexéticas.

Dentro das medidas aplicadas, a directora xeral puxo en valor as modificacións normativas promovidas pola Consellería, a análise dos avisos por danos na toma de decisións, a axilización das autorizacións de accións de control e dos protocolos implantados a tal fin, así como a colaboración co sector a través da Federación Galega de Caza.

Así mesmo, puxo en valor o compromiso da Xunta co sector primario a través da mobilización de algo máis de 10 millóns de euros nos últimos cinco anos coa convocatoria de sucesivas ordes de axudas tanto de carácter compensatorio como preventivo dos danos ocasionados pola fauna silvestre.

Medidas para garantir a seguridade viaria

Por outra banda, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade informou sobre as medidas específicas adoptadas para evitar accidentes causados pola irrupción de xabarís nas estradas galegas. Entre as medidas destacan a implantación na autovía Nadela-Sarria de valo reforzado en ambos os lados para reducir estes sinistros ou as actuacións que se van levar a cabo no caso da AG-64 Ferrol-Vilalba para mitigar os riscos que xeran estes animais.

Ao respecto, insistiuse na idea, xa trasladada onte pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade na reunión da Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade da Circulación Viaria, de aproveitar a oportunidade que ofrecen as novas tecnoloxías para identificar os puntos máis conflitivos das estradas pola presenza de fauna salvaxe.

Ademais, os representantes da Xunta e doutros sectores implicados no plan de control coincidiron en que o Estado ten que avanzar no estudo poboacional, coordinado e cunha metodoloxía común, do xabaril, un compromiso adquirido en 2019 e imprescindible para abordar de forma uniforme e conxunta un problema compartido por outras comunidades.

Por último, aproveitando a presenza da Fegamp, Do Campo insistiu en pedir a colaboración de concellos e deputacións para que se impliquen nas medidas informativas e preventivas de xestión da biomasa en zonas periurbanas.
Así, lembrou que os lugares con maleza incontrolada son idóneos para a cría e o asentamento dos xabarís pois neles atopan refuxio e soen estar moi preto de zonas de produción agrícola ou urbanas, ás que acaban achegándose na procura de alimento.

Precisamente, cómpre lembrar que a directora xeral se reuniu nas últimas semanas con varios representantes municipais para analizar a presenza destes animais silvestres en áreas periurbanas e próximas a núcleos poboados e coordinar posibles actuacións de control conxuntas entre concellos, Xunta e tecores.

Imaxes relacionadas