A Xunta adxudica por case 1,3 M€ o servizo de control de calidade da auga en captacións, emisións ao mar e encoros na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa

O contrato, que lle dá continuidade ao programa que Augas de Galicia vén desenvolvendo na demarcación, recolle o seguimento de captacións de auga destinadas ao consumo mediante 141 puntos de mostraxe

As emisións ao mar desde os ríos avaliaranse a través de 23 puntos de mostras e controlarase a calidade da auga en encoros pequenos mediante outros 7 puntos

As mostras analizaranse nun laboratorio e os resultados introduciranse no Sistema Nacional de Intercambio de Información sobre o estado das augas continentais

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou hoxe o servizo para controlar a calidade da auga en captacións, emisións ao mar e encoros na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, por preto de 1,3M€.
Este contrato foi adxudicado á empresa Dnota Medioambiente, S.L., que prestará estes servizos durante os vindeiros 2 anos.
Con este contrato, Augas de Galicia dálle continuidade ao programa de vixilancia que vén desenvolvendo neste ámbito.
Os traballos prevén a elaboración previa dun plan de explotación e de informes por cada punto de mostraxe coa información xeorreferenciada asociada. Os traballos abranguen a toma de mostras, a análise en laboratorio dos parámetros de cada programa, a valoración dos resultados e a incorporación dos datos no Sistema Nacional de Intercambio de Información sobre o estado e calidade das augas continentais.

Programas

O servizo consta de tres programas, sendo o primeiro o de control de captacións de auga destinada ao consumo humano. Determinaranse 141 puntos de mostraxe en zonas designadas para a captación de auga para consumo que proporcionen un promedio de máis de 100 m³ diarios.
O segundo programa diríxese ao control de emisións ao mar, analizando as descargas indirectas a través dos ríos segundo o Convenio internacional para a protección do medio mariño na área de influencia do Atlántico Nordeste. Neste caso, fixaranse 23 puntos de mostraxe.
O terceiro programa está enfocado á vixilancia de encoros de menor capacidade, nos que mediante 7 puntos de mostraxe se efectuará o seguimento da calidade da auga.
Ademais, de forma complementaria, este contrato inclúe unha liña de control de praguicidas coa fin de controlar a contaminación de orixe difuso. Para este programa establécense 20 puntos de mostraxe.